Traballadores/as do Sergas da área de Vigo continúan coas mobilizacións en defensa da sanidade pública
A protesta, que forma parte do calendario de mobilizacións fixado para o mes de xullo, desenvolveuse de 12.00 a 12.30 horas tanto no interior como no exterior do edificio, na zona de consultas externas.
Os participantes despregaron varias faixas e berraron consignas como “A solución, rescatar a concesión”, “A privatización é corrupción” e “Xerente dimisión”.
Entre as reclamacións do persoal do Sergas salientan o rescate do Álvaro Cunqueiro para a sanidade pública, a apertura de todas as camas de hospitalización pechadas, a posta en marcha da unidade de críticos/as no Meixoeiro e un plan de choque contra as listas de espera, ademais de rexeitar calquera derivación á sanidade privada.
Ao remate da concentración, os colectivos organizadores anunciaron a convocatoria dunha nova protesta para o vindeiro xoves día 21, que nesta ocasión terá lugar na antiga entrada de Urxencias do hospital Xeral ás 20.00 horas. Con anterioridade celebrouse unha mobilización na entrada principal do Meixoeiro. Unha vez finalizado o mes, os promotores analizarán a posibilidade de continuar coas accións reivindicativas en agosto.