Traballadores/as do BBVA mobilízanse contra o "despedimento inxustificado" de 14 compañeiros/as
O Secretario da Sección Sindical da CIG no BBVA, Miguel Fernández, explicaba que en todos os casos, a entidade efectuou os despedimentos con carácter disciplinario, alegando unha baixada voluntaria do rendemento dos traballadores e traballadoras. Unha afirmación que cualificou de “ruín e irreal”.
Neste senso, criticou que os 14 despedimentos (comunicados o mesmo día) producíronse “sen apertura de expediente disciplinario previo, sen permitir a presenza de representantes sindicais no caso de estar afiliados/as, sen opción ao prego de descargos por parte da persoa afectada para poder defenderse das acusacións recibidas, etc.”.
Para o representante sindical este proceder supón un cambio substancial nas relacións laborais dentro da entidade e unha agresión directa contra o emprego. Así, explica, previamente aos despedimentos producíronse sancións indiscriminadas “a centos de traballadores/as”.
“Buscan preparar o terreo, amedrentar o conxunto do persoal do BBVA e crear un clima de terror”, sinala, na idea de que un banco ‘pode gañar’ máis con menos persoal e subcontratando servizos a baixo custe. “Algo que incide no emprego e na calidade e atención á clientela”.
A este respecto, Fernández acusa á dirección de manter unhas retribucións “inmorais” e de seren incapaces “de acadar as cifras de beneficios que xustifiquen os seus propios postos de traballo”.
Dende os sindicatos con representación no BBVA xa se adiantou que está é unha primeira mobilización, que non se vai tolerar este tipo de agresións e que se desenvolverán todas as accións que sexan precisas.