Traballadores/as de ambulancias da área sanitaria de Santiago concéntranse diante do 061 para exixir o cumprimento do convenio
Inácio Pavón, da FGAMT-CIG de Compostela explica que estas empresas gañaron hai pouco máis de tres meses o concurso do servizo de ambulancias do 061 presentando propostas económicas de 6 e 7 puntos por debaixo do que contemplaban as plicas. Un concurso no que, segundo explica Pavón, se especifican as condicións do servizo, e o número de traballadores/as cos que hai que contar para a súa correcta prestación.
Porén, denuncia que, cando en cada base tiña que haber un mínimo de 8 traballadores/as máis alguén a maiores para poder cubrir as vacacións e demais en moitas só hai 6, en algunha 7 e, en moi poucas 8 e só na base de Santiago alguén a maiores para cubrir as vacacións. “Ten que haber novos traballadores porque ao haber menos por base, os que hai están cubrindo as horas das súas propias vacacións máis dos traballadores/as que faltan.
A falta de persoal suficiente está provocando que as/os traballadores fagan xornadas moi superiores ás previstas en convenio e que, aínda por riba, estanse cobrando salarios moi inferiores aos legalmente establecidos. Unha situación que non repercute, polo de agora, nas/os usuarias/os porque o propio persoal está, malia estas condicións laborais, cumprindo.
Pavón denuncia que as empresas pretenden descolgarse do convenio alegando que non lles chegan os cartos que lles dan. Un pretexto que, asegura, “non ten xustificación” e menos cando hai tres meses concursaban sabendo cales eran as condicións laborais, o persoal que precisaban para cubrir o servizo e aínda así presentaron propostas á baixa. E menos cando desde o propio 061 aseguran que se lles está pagando ás empresas o acordado.
O representante da FGAMT-CIG de Compostela sinala que levan máis tres meses intentando negociar e chegar a acordos e denuncia que a pesar diso seguen a estas alturas sen solución. “Están xogando con nós ao ping pong e nós somos a pelota, porque imos a unha mesa e se nos di unha cousa e imos a outra e dísenos a contraria”, di Pavón.
Coa concentración convocada para hoxe, os traballadores/as e a CIG exixen ás, nin máis nin menos que o cumprimento do convenio colectivo. E ao 061 que asuma a responsabilidade que lle corresponde. “Se as empresas incumpren en número de traballadores/as o 061 tamén incumpre. Quen marca as condicións do servizo é o 061. As empresas poden cambiar pero os traballadores/as son sempre os mesmos, e o 061 non pode mirar para outra lado porque non é un problema de empresas e traballadores senón dun servizo que presta o 061 aínda que o faga a través dunhas empresas, que teñen que cumprir as regras de xogo fixadas no concurso”.
Pavón advirte, ademais, que a CIG non está disposta a aceptar ningunha rebaixa das condicións do convenio colectivo. “Non podemos, como sindicato, dicirlle á xente que ten que aceptar cobrar menos do que di un convenio colectivo que aínda por riba nós non asimos porque nos parecía insuficiente”.
Sinala que a semana que vén comeza a negociarse o novo convenio colectivo e asegura que non se van presentar nesa negociación logo de dicirlles ás empresas que poden incumprilo.
Fronte a isto matiza que como son contratas a catro anos si aceptarían que nos primeiros, as condicións económicas, non as de servizo e horario, que si teñen que ser cumpridas, non foran idénticas aos do convenio e que foran recuperadas ao final de forma que cada traballador/a, no total do período de duración da contrata si cobrara en conxunto o legalmente establecido.
Aínda que nesta mobilización só estaba o persoal afectado da área de Santiago, o representante da FGAMT-CIG sinala que Ambupadrón, Casablanca e Ambuibérica tamén gañaron os lotes da Costa da Morte e do Baixo Miño, onde se dan os mesmos problemas.