Traballadores/as de Alcoa Inespal concéntranse polo seu dereito á folga
O 28 de decembro pasado, o Comité de Alcoa tiña convocada unha folga de catro horas por quenda laboral durante catro días no departamento de electrólise en rexeitamento á modificación substancial das condicións de traballo. Finalmente o paro ficou desconvocado polo boicot da empresa, que decretou uns servizos mínimos do 100%, obrigado os operarios/as a traballar como nunha xornada ordinaria.
A Sección Sindical da CIG en Alcoa xa denunciou no seu día que estes servizos mínimos impostos pola empresa supoñían un ataque frontal contra os dereitos dos/as traballadores/as ao dinamitar, na práctica, o exercicio do dereito fundamental de folga.
Uns mínimos que, ademais, non foran negociados coa representación do persoal e resultaban tan abusivos que, segundo subliñaba a CIG-Alcoa Inespal, “para cumprilos, a dirección mesmo tería que ‘contratar’ persoal adicional”.