Traballadores e traballadoras do transporte urbano de Compostela mobilízanse contra a discriminación que sofren

Agardan que a empresa resolva o conflito antes de chegar á folga indefinida, a partir do 1 de abril
Compostela - 07 Mar 2025

Traballadoras e traballadores de Tralusa e Aulusa-Santiago concentráronse esta mañá na Praza de Galiza para reclamar que remate a discriminación histórica que padecen. O comité ten convocadas dúas xornadas de folga, para os día 14 e 21 de marzo e xa advertiron que, de non se atender as súas demandas, a folga pasará a ser indefinida a partir do día 1 de abril. Ademais teñen convocada outra concentración para o vindeiro día 12, ás 11:30 horas, na parte superior da estación de autobuses.

Segundo explicou o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, mentres non haxa un novo concurso público, o transporte urbano está dividido en varias empresas, aínda que Tralusa e Aulusa-Santiago, ambas do grupo Monbus, fan o groso das liñas.

Porén, mentres o persoal de Tralusa ten un cadro de servizos rotatorio e mensual, as compañeiras e compañeiros de Aulusa-Santiago só poden facer de correquendas e ir cubrindo os ocos libres no cadro de Tralusa. “Teñen que andar por todas as liñas con diferentes horarios, sen consolidar nunca a praza”.

Por iso acordaron en asemblea, por unanimidade, ir á folga, “pola discriminación e a precariedade que unha parte de nós sofre nas súas condicións de traballo ao carecer dun cadro de servizos fixo, como o resto”.

Precariedade que vén de lonxe

Esta situación de precariedade non é nova. Tal e como explicou Pavón, xa tiveron que denunciala na Inspección de Traballo, que obrigou a Monbus a pagarlle ao persoal de Aulusa un plus que se cobraba en Tralusa, a converter os seus contratos -todos temporais- en indefinidos e a equiparar tamén o número de días libres ao mes. Porén, anos despois, seguen sen estar no cadro de servizos.

Tras dunha longa negociación a empresa comprometérase por escrito a facer un cadro único. Compromiso que “incumpriron unha vez máis”. Por iso, algo que non tería custo algún e só elimina unha discriminación histórica e “polas formas chulescas da dirección de Monbus”, os traballadores e traballadoras irán á folga.

Para o vindeiro luns teñen confirmada unha xuntanza no concello, co edil Xan Duro, e agardan que se resolva o conflito antes de chegar á folga porque, tal e como afirmaba Pavón ao inicio da concentración de hoxe, “non estamos pedindo máis salario, máis contratacións, menos horas... Simplemente unha organización do traballo racional e que todo o mundo teñan as mesmas condicións”.