Traballadores e traballadoras de GSERTEL, empresa da Corporación Televés, reclaman a readmisión dos tres despedidos
Traballadores e traballadoras de GSERTEL, da Corporación Televés, concentráronse esta mañá ás portas da fábrica para exixir a readmisión dos tres compañeiros despedidos. Unha decisión empresarial que consideran que non está xustificada, máxime cando a corporación obtivo uns excelentes resultados económicos no último exercicio.
O persoal de GSERTEL asegura que existen medidas temporais antes de adoptar a drástica decisión dos despedimentos. Denuncian que a Corporación Televés “non tivo a ben a considerar e negociar coa representación das traballadoras e traballadores de GSERTEL estas medidas, “cando xa o fixo no pasado cunha redución temporal de salarios e o está a facer no presente a través de ERTE e Bolsas de Horas noutras empresas da Corporación”.
Por iso advirten que, ademais desta mobilización, haberá máis accións de protesta diante do descontento xerado pola decisión tomada, “sen o paso previo das medidas temporais”. Apuntan, ademais que os despedimentos afectan a tres traballadores de máis de 50 anos, algún deles cunha traxectoria de máis de 30 anos na Corporación Televés.
Isto prodúcese, segundo subliñan, nun contexto onde “prescindir dos compañeiros está a ter un grande impacto para o lanzamento ao mercado de produtos estratéxicos na vertical do sector de telefonía móbil e na vertical tradicional de radiodifusión” e co agravante de que a corporación da que forma parte esta empresa tivo excelentes resultados económicos no último exercicio.
Esperan que estes actos de protesta sirvan como medida de presión para que a Corporación sente a negociar coa RLT de GSERTEL as condicións de readmisión dos compañeiros despedidos.