Traballadores/as de Cespa Impacta concéntranse en SOGAMA para esixir o cumprimento do convenio
Os traballadores e traballadoras da UTE Cespa Impacta realizaron unha concentración este mércores na entrada do complexo de SOGAMA en Cerceda para esixir á empresa que cumpra co establecido no convenio colectivo en canto ás substitucións do persoal. O convenio de aplicación para as empresas que traballan no complexo establece no seu artigo 10 que as vacantes se teñen que cubrir, por orde de lista, a través da bolsa de eventuais existente no centro de traballo.
Porén, dende hai seis meses hai un posto de peón que está sen cubrir "porque Cespa Impacta non chamou aínda a traballadora que está de primeira na lista e á que lle tocaría ocupar esa vacante", explica Mario Díaz, da CIG-Servizos da Coruña. Esta non cobertura provoca que estean funcionando dúas quendas de traballo descompensadas, xa que unha conta con 12 operarios/as mentres que a outra ten 11 empregados/as.
Ante este incumprimento reiterado no tempo, o persoal (que realiza tarefas de reciclado de lixo de envases lixeiros) acordou convocar esta primeira mobilización. Ademais, dende a CIG-Servizos reclámanse a actuación inmediata de SOGAMA ante o incumprimento do convenio colectivo e "que non sexa cómplice desta situación de ilegalidade".