Traballadores e traballadoras de Ambunova concéntranse no Hospital Clínico en demanda do pago de salarios
Ambunova é unha empresa de ambulancias adxudicataria do transporte non urxente. Os seus traballadores/as, arredor de 30, veñen denunciando os reiterados atrasos no pago das nóminas, que pasaron a convertese en impagos no último mes.
Segundo explica Herminio Rivas, delegado da CIG na empresa, o xoves pasado mantiveron unha xuntanza á que asistiu o propietario do Fondo de Investimento que asegurou que se pagaría todo de inmediato. “Díxonos que se asinara unha liña de crédito e que iso garantizaba os pagos desde agora até inicios de setembro, aínda que supostamente xa marcharían antes e que iamos cobrar antes da fin de semana”.
Porén, malia o venres confirmarles que se ingresaran os cartos na conta da empresa e que o pagamento das nóminas sería automático, o luns non cobraran absolutamente nada. “Tiñamos prevista esta convocatoria de concentración para o luns e atrasámola diante do compromiso de que cobrariamos pero o propio luns chamei e dixeron que os cartos non chegaran, que tiñan que recibilos antes das 12 da mañá e están así todos os días”, afirma Rivas.
Segundo o delegado da CIG xa é oficial que Ambunova perdeu todos os concursos en Galiza, plo que a finais de agosto marcharían. “Temémonos que o van facer sen pagar os nosos salarios”.
Os traballadores e traballadoras pasarían subrogados a traballar na empresa que resulte gañadora do concurso, pero esa nova adxudicataria non se faría cargo das nóminas atrasadas. Por iso demandan ser atendidos polo SERGAS, para transmitirlle a situación na que están e para exixirlle que non pague nada a Ambunova mentres esta non pague as nóminas.
Segundo Rivas, a propia empresa confirmou que o SERGAS paga en tempo e forma. “Eles están cobrando pero non nos están pagando. Esperamos que o SERGAS faga o seu traballo porque nós, aínda que sexa mediante unha subcontrata somos traballadores da administración”, denuncia. “A esperanza que nos queda é que o SERGAS paga a sesenta días e ten dous meses para dicirlle que se quere cobrar ten que pagar aos traballadores”, engade.
O delegado da CIG adianta que seguirán mobilizándose “para loitar polo noso salario e para que a administración actúe de inmediato exixindo ás súas concesionarias a cumprir cos seus compromisos laborais”.
Ambunova resultou adxudicataria de transporte non urxente no último concurso. Realiza traslados programadas de doentes para diálises ou radioterapia, entre outros, e traslados interhospitalarios –algúns deles urxentes en UVIS medicalizadas- entre o Hospital do Barbanza e o Clínico, fundamentalmente.
Volveu concorrer ao novo concurso, pero foi inmediatamente excluída porque unha das premisas é que as empresas non teñan débedas coa administración e ao comprobar a documentación sóubose que pesaba sobre Ambunova un embargo da Seguridade Social.
Aínda así, como Ambunova son tres empresas: Ambunova, Ambulancias do Salnés e TRAMSA, que van en UTE con ACCIONA, e as outras dúas non tiñan débedas, volvéronas admitir en Ferrol, Vigo e Pontevedra.
Os traballadores/as xa denunciaron en anteriores ocasións os atrasos reiterados no cobro das súas nóminas e que o mes pasado tardaron en pagarlles os salarios até mediados de mes. Saben, por outros provedores, que Ambunova tiña as contas embargadas e que daquela non cobraron até que foron desbloqueadas.
A día 30 de xuño foron informados de que cobrarían o día 4 de xullo, pero ese mesmo día confirmáronlles que non se puidera facer o pago. Transcorridos 20 días do mes de xullo seguen agardando por ese ingreso.