Traballadores do transporte de SOGAMA, en folga indefinida, concéntranse en Ordes pola readmisión dos despedidos
Este domingo cumpríase a 35 xornada de folga indefinida dos traballadores do transporte de Sogama en demanda da readmisión dos 8 traballadores despedidos en represalia por pedir dereitos laborais básicos. Con este motivo concentrábanse diante da casa do concello de Ordes e lembraban a responsabilidade da administración na súa situación.
De feito, no decurso da concentración lembraban que SOGAMA, a Consellería de Medio Ambiente e a Xunta “son as responsables da situación de precariedade laboral e das pésimas condicións nas que se presta o servizo público de transporte de residuos sólidos urbanos no noso país”.
Neste sentido explicaron o papel das subcontratas, como Pacholo, deseñadas polo Partido Popular para repartir diñeiro público entre as empresas amigas, e “precisamente abaratar ao máximo un servizo público cunhas condicións que a empresa pública non podería permitir e aumentar así as marxes de negocio”.
Denunciaron que, por iso se permite que Copasa, que gañou esta contrata, buscara unha empresa como Transportes Pacholo. “Para nada pensando na calidade do servizo, senón pensando no maior lucro posible a costa nosa e a costa tamén de empeorar as condicións do propio transporte”.
A consecuencia disto, as condicións laborais dos traballadores empeoraron ao igual que os materiais de traballo ou os mantementos dos contedores e dos camións, “poñendo en grave risco a nosa seguridade, a do restos de usuarios e usuarias das estradas e representando un risco tamén para o medio ambiente”.
Lembraron que en tres anos non tiveron oportunidade de explicarlle todo isto ao Presidente de SOGAMA, a pesar de terllo solicitado en múltiples ocasións. “Para iso serven as subcontratas: o noso xefe non manda nada, máis que para sacarnos a pel, pero con quen manda non podemos falar porque somos traballadores dunha subcontrata”.
Advertiron de que, por iso a súa loita continuará “o tempo que faga falla” mentres non se consiga un traballo digno, a fin das represalias e a a readmisión dos compañeiros.