Traballadores do transporte de RSU en folga indefinida acordan trasladar a manifestación ao 12 de maio
Os traballadores do servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de Sogama, en folga indefinida desde o pasado día 15 de abril, acordaron trasladar a manifestación que tiñan inicialmente convocada para o pasado sábado en Ordes, e que foi censurada pola Xunta Electoral, para o vindeiro 12 de maio, ás 11:30 horas.
Para denunciar esta censura, en lugar de celebrar a manifestación prevista, os traballadores concentráronse diante da casa do concello de Ordes onde distribuíron panfletos entre as veciñas e veciños de Ordes.
Dese xeito denunciaron unha “decisión surrealista e arbitraria” da Xunta Electoral que, ao seu entender, “denota a falta absoluta de sensibilidade social por parte dos xuíces que a ditaron” ademais de unha “clara vulneración da liberdade de expresión”.
Lembraron ademais que ese mesmo día –xornada de reflexión- todos os xornais e televisións informaban, con todo detalle, dos actos e mítins celebrados o día anterior, ademais de dar conta do que estaban a facer nesa xornada as/os diferentes candidatas/os. “Pero o problema para a democracia é que se vexa a traballadores protestando por oito compañeiros na rúa, que a xente coñeza que levamos 12 días en folga para pedir a súa readmisión e que remate a explotación laboral no transporte de SOGAMA”.
Por iso fixeron un chamamento a toda a veciñanza da comarca a solidarizarse coas súas demandas e a sumarse á mobilización prevista o vindeiro domingo día 12 de maio “para que remate esta vergoña e este atropelos aos dereitos dos traballadores no transporte de SOGAMA. Dereitos que parecen importarlles ben pouco aos xuíces que decidiron calarnos”.