Traballadores de Urbaser concéntranse diante do concello de Ames por un convenio digno
Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza viaria e punto limpo de Ames, concesionado a Urbaser, concentráronse esta mañá diante da casa do concello para denunciar a “mísera” proposta económica presentada pola empresa. Canda eles sumáronse á mobilización, en apoio das súas reivindicacións, membros do comité de empresa de Urbaser de Santiago e traballadoras do SAF de Ames, que tamén protagonizaron recentemente mobilizacións en demanda de melloras nas súas condicións laborais e salariais.
O persoal de Urbaser Ames agarda que na xuntanza prevista para o vindeiro mércores, día 26 de abril, a empresa avance na negociación porque, do contrario, xa teñen acordado que convocarán folga indefinida.
Neste centro de traballo o persoal ten un convenio propio pero durante o ano 2022 non se puido negociar porque coincidiu coa saída a concurso da concesión do servizo e houbo que agardar a que se adxudicara a nova contrata a unha nova empresa, en xullo do ano pasado. Pero logo do verán mantivéronse un par de xuntanzas coa dirección de Urbaser.
Proposta económica mísera
A proposta económica de URBASER é de 200 euros para o ano 2022 e 300 euros para 2023, “non consolidable” o que se traduce nun incremento salarial que apenas chegaría nin ao 1%. Ademais non vai sequera acompañado por melloras nas condicións sociais.
Cómpre lembrar que a suba do IPC en 2021, foi dun 6,5% e no ano 2022 foi dun 5,7%, o que significa que a perda de poder adquisitivo do persoal sería enorme e que tería que afrontar nesas condicións a inflación desbocada que hai e que afecta sobre todo a produtos de primeira necesidade, como os alimentos.
O persoal tamén rexeita a proposta de duración do convenio, que a empresa defende que sexa para os próximos catro anos. Un período que consideran excesivamente longo dada a situación de incertidume e de que non se contemplaría a actualización automática dos salarios en función da suba do IPC.
Xunto a isto Urbaser fixo unha proposta dun convenio colectivo dunha duración de catro anos. Un período que consideran “excesivamente longo” pola incertidume respecto das subas do IPC que se están a producir ano tras ano.
Por iso traballadoras e traballadores coreaban, entre outras consignas, “Se sobe o IPC, os salarios tamén” e lembraban tanto á empresa como o concello que “Estamos en loita por un convenio digno”.