Traballadores de Transportes Pacholo mobilízanse en Ordes para denunciar o acoso laboral que sofren
Traballadores de Transportes Pacholo percorreron este mércores as rúas de Ordes para denunciar o acoso laboral que padecen, a situación de abuso á que se vén sometidos e o desprezo polas normas de prevención de riscos que se dá desde que esta empresa se fixo cargo da subcontrata do transporte de residuos SOGAMA. Responsabilizan desta situación tanto a UTE (COPASA-RENFE-LOGIRAIL) como á propia SOGAMA.
No decurso da protesta, que se desenvolveu polo mercadillo da vila, achegóuselles o alcalde, do PP, ao que transmitiron as súas denuncias e demandas e do que agardan que as faga chegar tanto a SOGAMA como a Transportes Pacholo. Entre mentres, o persoal desta subcontrata asegura que continuará coas mobilizacións, que xa se deron no Carballiño e diante das instalacións de SOGAMA, até obter unha solución.
Segundo explican o que fai esta empresa é deixar cada semana a un destes traballadores sen traballar na nave mentres se contratan autónomos ou se desprazan condutores doutras zonas para facer o seu traballo. Isto supón que se lles desconte o salario por cada día que están na nave, cando unha nómina completa xa só supera por pouco os mil euros.
Contratación e precarización deseñadas
A FGAMT-CIG denuncia ademais que foron SOGAMA e máis as empresas da UTE as deseñadoras deste modelo de contratación e precarización das condicións de traballo.
Hai tres anos Sogama entregou a concesión do transporte dos contenedores de residuos sólidos urbanos á UTE formada por COPASA, RENFE e LOGIRAIL. A FGAMT-CIG asegura que foi o contrato público máis caro da pasada lexislatura do goberno de Núñez Feijóo, con case 140 millóns de euros.
Porén, desde o primeiro día esta UTE subcontratou o servizo a Transportes Pacholo S.L, que nese momento se atopaba en concurso de acredores e que, un mes antes de coller a concesión, asinou un convenio que rebaixaba os salarios existentes no transporte de SOGAMA nun 40%.
Esta subcontrata, encargada do transporte dos residuos de SOGAMA, presionou desde o primeiro día aos traballadores “para que incumpriran as normas de tráfico, non cumprisen os horarios e non respectaran as normas máis básicas de saúde laboral, para facer máis traballo do que se daría feito nunha xornada laboral normal seguindo as normas legais”
Xunto a isto a FGAMT-CIG asegura que o persoal tamén tivo que sufrir “insultos permanentes, ameazas de despedimento e actitudes do máis mafioso”. Por iso reitera que as mobilizacións seguirán mentres non se poña fin a estas prácticas.