Traballadores de Transportes Pacholo concéntranse diante de Sogama contra o acoso laboral
Os traballadores de Transportes Pacholo denunciaron este mércores as represalias que sofren por parte dos responsábeis desta empresa por non aceptar as condicións abusivas que se lles impoñen cunha concentración diante das instalacións de Sogama.
Segundo explicou Rubén Requeixo, responsábel da FGAMT-CIG de Ourense, “aínda que afecta a todos, neste intre están sendo especialmente castigados son os traballadores da zona do Carballiño, para que cunda o exemplo no resto das zonas e coa pretensión recoñecida de dividilos entre antigos e novos”.
O que fai a empresa é deixar cada semana a un destes traballadores sen traballar na nave mentres se contratan autónomos ou se desprazan condutores doutras zonas para facer o seu traballo. “Isto supón que se lles desconte o salario por cada dia que están na nave, cando unha nómina completa xa só supera por pouco os mil euros”, denunciou Requeixo.
O responsábel da FGAMT-CIG de Ourense denunciou ademais que foron Sogama e máis as empresas da UTE as “deseñadoras deste modelo de contratación e precarización das condicións de traballo”
Hai tres anos Sogama entregou a concesión do transporte dos contenedores de residuos sólidos urbanos á UTE formada por COPASA, RENFE e LOGIRAIL. Segundo lembra Requeixo, “foi o contrato público máis caro da pasada lexislatura do goberno de Núñez Feijóo, con case 140 millóns de euros”.
Porén, desde o primeiro día esta UTE subcontratou o servizo a Transportes Pacholo S.L, que nese momento se atopaba en concurso de acredores e que, un mes antes de coller a concesión, asinou un convenio que rebaixaba os salarios existentes no transporte de SOGAMA nun 40%.
A FGAMT-CIG denuncia ademais que desde o primeiro día se presionou aos traballadores “para que incumpriran as normas de tráfico, non cumprisen os horarios e non respectaran as normas máis básicas de saúde laboral, para facer máis traballo do que se daría feito nunha xornada laboral normal seguindo as normas legais” Xunto a isto Requeixo asegura que o persoa tamén tivo que sufrir ·insultos permanentes, ameazas de despedimento e actitudes do máis mafioso”.
Por iso o responsábel da FGAMT-CIG advertiu que “esta vai ser a nosa resposta mentres non se solucione esta situación”: a mobilización.