Traballadores de Mármoles Alende exixen, ante a casa do empresario, os salarios adebedados
Os traballadores de Mármoles Alende concentrábanse esta tarde diante da casa do empresario para exixir o pagamento das catro nóminas adebedadas e da indemnización por despedimento. Un pago que o propietario da empresa se comprometeu a facer como máximo a día de hoxe e que non se fixo.
O despedimento produciuse, segundo explica a CIG-Construción, cando os traballadores anunciaron que iniciarían mobilizacións diante da pretensión do empresario de que continuaran traballando até finais de xuño, sen cobrar, e con catro nóminas adebedadas.
A CIG-Construción denuncia que Mármoles Alende non só non pagou ninguna das nóminas senón que mesmo asegurou que tampouco vai pagar as indemnizacións. Por iso na concentración de hoxe, unha das consignas máis coreadas era “non faltan cartos, sobran ladróns”, xunto á de “Mármoles Alende, paga o que debes”.
Para Eduardo Sebio, da CIG-Construción, é “indignante” que a empresa aínda teña a “desvergonza” de dicirlles aos traballadores que non se preocupen “porque pagará o FOGASA, cando esta familia de empresarios se enriqueceu a costa do seu traballo durante os últimos 30 anos”.
No decurso da concentración un dos representantes sindicais achegouse á cancela da casa e chamou ao timbre para que o empresario saíra a dar explicacións aos traballadores. Porén o que recibiu foi unha patada coa que o botou de diante da porta.
Sebio lembra que “esta empresa viña traballando con normalidade e con moita carga de traballo” e que ademais ten mármore nas súas instalacións que ben podía venderse e pagar con eses cartos, cando menos os salarios pendentes até o día de hoxe”. A CIG-Construción ten constancia de que o empresario xa vendeu a nave e manifesta a súa sospeita de que “pretende quedar cos cartos, mentres deixa aos traballadores na rúa e sen cobrar”.