Traballadores de Gabadi fan un paro laboral e unha concentración contra o ERE
Traballadores de Gabadi (compañía dedicada á habilitación de buques) concentráronse esta mañá diante das instalacións do Polígono do Río do Pozo (Narón) en rexeitamento ao ERE que a empresa pretende aplicar para despedir a 36 compañeiros indefinidos. Esta primeira mobilización, que se repetirá o vindeiro luns, estivo acompañada tamén dun paro laboral de dúas horas.
O período de consultas do ERE rematou o pasado xoves sen acordo, toda vez que o comité entende que non hai ningunha causa para aplicar un despedimento colectivo e así o defendeu durante as negociacións, propondo medidas menos traumáticas como unha regulación temporal e rotatoria dos empregos.
Proposta que a empresa non só non aceptou "senón que ademais pretende chantaxear o comité vinculando calquera rebaixa no número de persoas afectadas a que o comité lle asine máis inaplicación de convenio, como que o persoal traballe sábados e domingos sen cobrar, máis mobilidade xeográfica etc. E iso dende o comité non o imos aceptar", afirmou Ignacio Lamas, presidente do órgano de representación.
A este respecto, o comité lembra que Gabadi xa conta cunha inaplicación de convenio que consiste en ampliar as horas de traballo anuais de 1760 a 1826 e unha distribución irregular da xornada do 25%, o que supón 456 horas.
A empresa pediu unha mediación
Malia a falta de acordo ao non retirar a empresa o ERE, Gabadi solicitou unha mediación ao AGA da que onte se celebrou a primeira xuntanza. Como era de agardar "a empresa non propuxo nada novo e o único que fai é insistir na necesidade de executar os despedimentos", explica Lamas.
Xunto a isto, a empresa recoñece a subcontratación e xustifica ter traballadores prestados nas obras das que até hai unha semana se ocupaba o persoal de Gabadi. Esta actitude empresarial fai "practicamente imposíbel" chegar a acordo na mediación e malia iso, o venres está convocada unha nova reunión.
Subcontratación de traballos
A dirección alega falta de traballo en Navantia para xustificar a medida, "cando se trata dunha empresa implantada a nivel internacional e na que o peso real na facturación do traballo a nivel estatal é do 20%. Por iso, se hai un baixada na actividade de Navantia, entendemos que a medida máis acaída sería acudir a un ERTE pero non un despedimento colectivo", salientou Serxio Martínez, da CIG-Industria.
Martínez denunciou que ao mesmo tempo que formula o ERE, Gabadi "está subcontratando traballos con outras empresas e ten traballadores prestados por outras compañías desenvolvendo tarefas tanto no estranxeiro como nas propias instalacións de Gabadi". Situacións que, apuntou, xa están denunciadas na Inspección de Traballo".
A CIG subliña que este é un exemplo máis das consecuencias de manter vixente unha reforma laboral que deixa todo o poder de decisión sobre a continuidade dos postos de traballo nas mans das empresas, polo que a central sindical urxe o goberno español a derrogala de inmediato e na súa integridade para evitar estes abusos patronais.