Traballadores de Gabadi concéntranse no TSXG con motivo do xuízo de impugnación do ERE
Traballadores de Gabadi concentráronse na mañá deste xoves diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza coincidindo coa celebración do xuízo de impugnación do ERE polo que a empresa vai despedir a máis de 30 traballadores indefinidos. Os despedimentos, explica Serxio Martínez, da CIG-Industria de Ferrol, xa están practicamente todos executados e queda agora que o tribunal resolva sobre o expediente.
Cómpre lembrar que Gabadi, dedicada á habilitación de buques, presentou o ERE en marzo pasado alegando causas produtivas e organizativas. Para a CIG-Industria este medida, pola que a empresa se está desfacendo de persoal indefinido, non ten xustificación cando a compañía tiña nese intre máis de 50 empregados/as eventuais que estaban a realizar prolongacións de xornada e ao mesmo tempo subcontrataba traballos con outras compañías.
Ademais, critican a mala fe da empresa que durante todo o período de consultas (que rematou sen acordo) vinculou calquera modificación no número de persoas afectadas a que o comité lle asinara recortes laborais como inaplicacións de convenio (cunha distribución irregular da xornada aplicábel en sábados e domingos), mobilidade xeográfica e outro tipo de axustes.
Gabadi tamén se negou a abordar as medidas menos traumáticas propostas pola representación social, como unha regulación temporal e rotatoria dos empregos, e mesmo chegou a pedir unha mediación no AGA á que acudiu "sen ningunha proposta nova e insistindo na necesidade de executar os despedimentos".