Traballadores de Cándido Hermida marchan até o Concello de Narón pola readmisión dos despedidos e contra os recortes laborais
Traballadores do Grupo Cándido Hermida fixeron unha marcha a pé este venres dende a nave da empresa no Polígono do Río do Pozo até o Concello de Narón para esixir a readmisión dos 23 compañeiros despedidos nas distintas empresas da compañía, así como en rexeitamento a posíbeis recortes que a dirección pretenda aplicar nas condicións de traballo.
O secretario comarcal da FCM-CIG, Marcos Sánchez, valorou de xeito moi positivo a resposta dada polo persoal á convocatoria, atendendo á incerteza laboral que se vive nestes momentos na empresa.
Solidariedade do Concello de Narón
Ao remate da marcha, a representación sindical mantivo unha reunión coa Alcaldía e os grupos municipais de Narón á quen informaron do acontecido nas últimas semanas e lles expuxeron a preocupación tantos por estes despedimentos como polo clima de medo que o Grupo Cándido Hermida parece querer xerar entre o persoal para empeorar aínda máis "as cativas condicións laborais que teñen os traballadores e traballadoras". Dende a Corporación municipal trasladaron o apoio ás demandas sociais e comprometéronse a aprobar no pleno unha declaración institucional en solidariedade cos traballadores/as.
Ademais do encontro deste venres, pediranse tamén reunións coa Corporación municipal de Valdoviño, onde o grupo ten instalacións, e co Concello de Ferrol, "para que saiban como actúa o empresario ao que hai un tempo nomearon "ferrolán do ano".
Despedimentos mentres se subcontrata traballo
Dende a FCM-CIG denunciaron que os despedimentos, que afectan ás empresas Grupo Cándido Hermida, INDUCA, INAVAL e Cándido Hermida Constructora, estanse producindo ao mesmo tempo que a compañía subcontrata traballos e incorpora novo persoal a través de ETT. Por iso, Sánchez adiantou que as mobilizacións continuarán nas vindeiras semanas e tamén se vai solicitar unha nova reunión coa dirección "para que nos responda á proposta que lle fixemos: que dea marcha atrás nesta decisión e abra unha mesa de negociación na que tratar a situación do grupo".
Subliñou que dende a representación sindical "estamos en disposición de buscar solucións, de ser necesario, pero estas solucións non poden pasar por despedimentos nin polo recorte das condicións laborais"
A este respecto, reiterou na "falacia" das causas económicas alegadas pola empresa para executar as rescisións dos contratos. "Resulta incomprensíbel que unha empresa que di ter problemas económicos estea disposta a asumir un alto custe en indemnizacións, pois non hai que perder de vista que a media de antigüidade dos compañeiros despedidos é de 15 anos". De igual xeito,"tampouco se entende o despropósito que supón prescindir do persoal máis formado cando o grupo ten problemas para substituílo por man de obra cualificada".
A dirección avanzou que os "axustes" continuarán
Cómpre lembrar que Cándido Hermida xa pretendera recortar as condicións de traballo no ano 2019, cunha desregularización da xornada laboral, que non puido levar adiante pola firme oposición do cadro de persoal. "Parece obvio que as acusas económicas son a escusa para desfacerse dun número importante de traballadores que non tragan coa precariedade e o empeoramento das xa malas condicións laborais que se dan nas empresas de Cándido Hermida".
Neste senso, engade que na reunión que a representación sindical tivo coa empresa para pedir explicacións por esta vaga de despedimentos, a dirección avanzou que os 'reaxustes' ían continuar, pero sen querer especificar a que tipo de 'reaxustes' se refiren.
Ante esta actuación, as centrais sindicais pregúntanse onde está a boa fe da que presumía a empresa na negociación dos ERTE, ou onde está a garantía de emprego da que falaba. "Pois esta é a palabra de Cándido Hermida, o grande ferrolán do ano e o grande empresario de referencia. Unha mentira tras doutra".
Dende a representación social esíxenlle á empresa que dea marcha atrás nesta decisión e abra unha mesa de negociación na que tratar a situación do grupo e, se fose preciso, "buscar solucións que non poden pasar por despedimentos nin polo recorte das condicións laborais".