Traballadores de Barreras mobilízanse na empresa cada xoves para esixir solucións e a readmisión do delegado da CIG
Un grupo de traballadores/as de Barreras desenvolven cada xoves unha concentración diante das instalacións da empresa en Vigo para reclamar solucións e carga da traballo que garantan a continuidade do estaleiro e para esixir a readmisión do delegado da CIG no comité, Rafa Pérez.
As protestas convocadas comezaron o pasado xoves e continuaron hoxe a partir das 10:30 horas, e está previsto que se celebren de xeito indefinido cada semana até que o representante sindical volva ao seu posto de traballo.
Para solucionar a grave crise que padece Barreras, a CIG aposta por unha intervención pública directa que reverta a privatización da compañía polo Goberno español de Aznar nos anos 90, o que permitiría contar cun estaleiro público ou semipúblico na ría de Vigo.
En canto ao despedimento de Pérez, a central sindical cualifica de “mafiosa” a forma de actuar da dirección en todo o que tivo que ver coa súa saída da empresa, que se produciu despois dunha ocupación simbólica das instalacións de Barreras por parte da CIG para reclamar precisamente unha intervención pública do estaleiro ante a grave crise que atravesa.
Xuízo en xaneiro
“Pensaban que despedindo a Rafa atacaban a parte máis débil, e que iamos achantar, pero equivocáronse; imos seguir até rematar con esta situación inxusta, até lograr a súa readmisión, porque Rafa somos todos e todas”, en palabras do secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves.
Dende entón a central desenvolveu numerosas protestas de apoio ao compañeiro afectada, incluso durante o pasado mes de agosto, coincidindo co acto de conciliación no SMAC, que rematou sen acordo porque Barreras non puxo sobre a mesa a readmisión do compañeiro. En consecuencia, o xuízo no que a CIG reclamará a nulidade dun despido “inxusto e arbitrario” terá lugar no mes de xaneiro.