Traballadores de Acciona Energía-Erom secundan a folga en protesta polo recorte de persoal e a subcontratación
Traballadores de Acciona Energía-EROM (que fai o mantemento dos parques eólicos) de diversos puntos do país concentráronse este xoves diante das oficinas da empresa en Santiago de Compostela en defensa dos empregos e por unhas condicións laborais dignas. A protesta tivo lugar coincidindo co paro de tres horas e media convocado pola CIG en resposta á política de desmantelamento progresivo e subcontratación aplicado pola empresa.
A destrución de emprego e a externalización de traballo intensificouse dende o inicio da integración de EROM en Acciona Energía, e malia que se vendeu como un proceso de garantía de futuro e estabilidade para EROM, o certo é que neste tempo se recortou un 25% o cadro de persoal.
O pasado 27 de setembro a empresa comunicaba seis novos despedimentos que, sumados ás continuas subrogacións e a non cobertura das vacantes, incrementaron a incerteza e a preocupación do persoal. En resposta a esta incesante destrución de emprego, a sección sindical da CIG acordou convocar un paro de tres horas e media para todo o persoal de Galiza e aproveitar este tempo para realizar unha concentración diante das oficinas de Acciona Energía en Santiago de Compostela.
A representación da CIG defende que a maioría dos servizos que se fagan na compañía "deben ser feitos por persoal propio", formado, coñecedor dos riscos que conleva este tipo de actividade e das políticas de prevención que cómpre aplicar. Isto é, salientan, o que permite "que a calidade dos traballos e a seguridade coa que se realizan estean por enriba dos estándares do sector".