Traballadores da recollida do lixo de Valvodiño reclaman condicións dignas e que se saque a concurso o servizo
Os traballadores do servizo de recollida de lixo do Concello de Valdoviño concentráronse este martes para reclamar unhas condicións laborais dignas, denunciar os recortes de dereitos aplicados pola empresa adxudicataria, Fomento de Construcciones y Contratas(FCC), así como demandar que o Goberno municipal saque a concurso o novo prego da contratación, tendo en conta que o actual está caducado dende hai tres anos.
A protesta, secundada pola totalidade do cadro de persoal, realizouse diante da Casa do Concello e na mesma denunciouse a negativa de FCC a actualizar os salarios, a supresión dunha paga de beneficios e os constantes incumprimentos dos pregos de condicións, que obrigan os traballadores a ter que reclamar os seus dereitos nos xulgados.
A maiores, explica a CIG-Servizos de Ferrol, os traballadores tamén están a sufrir recortes nos seus dereitos sociais, pois FCC nega sistematicamente a concesión dos días de asuntos propios (dous días que veñen recollidos nos pregos de contratación) e impón un calendario de vacacións sen negociar nin consensuar co delegado de persoal.
Vehículos antigos sen medidas de seguridade
Xunto a isto, advírtese das deficiencias en materia de prevención e riscos laborais, xa que o persoal ten que traballar con vehículos dos anos 90, sen medidas de seguridade e en épocas de grande afluencia como a semana santa ou o verá, nas que a poboación do Concello chega a triplicarse, non se reforza o cadro de persoal, polo que non se pode garantir un servizo adecuado. Situación que repercute claramente na veciñanza da localidade.
A CIG-Servizos subliña que todas estas irregularidades xa foron postas en coñecemento do Goberno municipal dende hai anos, pero este "fai oídos xordos ante esta situación". Por iso, a central sindical esíxelle que, como administración responsábel do servizo, adopte as medidas necesarias para corrixir todas estas eivas e saque a concurso canto antes o novo prego de contratación.