O persoal Zara Loxística maniféstase contra a modificación dos calendarios e para exixir carga de traballo estábel
Máis de 1.000 traballadores e traballadoras de Zara Loxística manifestáronse este domingo polas rúas da Coruña en resposta á decisión unilateral da empresa de modificar os calendarios laborais e para reclamarlle a Inditex o compromisos de dotar o almacén de Sabón de carga de traballo estábel e efectuar os investimentos necesarios. A marcha saíu por volta do mediodía da Praza de Lugo e rematou na zona do paseo da dársena.
A decisión de intensificar as mobilizacións adoptouse despois da reunión mantida coa dirección de Inditex esta mesma semana, na que a empresa recoñeceu que a modificación dos calendarios era unha imposición unilateral que non ían retirar e que ademais se podería repetir noutras ocasións, fiando calquera solución a unha resolución xudicial que agardan lles sexa favorábel.
Diante desta prepotencia, a representación social reitera que non vai permitir esta falta de respecto cara aos traballadores e ás traballadoras, nin que se incumpran de maneira evidente os acordos laborais asinados no almacén e tras a multitudinaria manifestación deste domingo, xa hai convocados paros de catro horas na saída de cada quenda para as xornadas deste luns 13 e o martes 14 de maio.
O secretario comarcal da CIG-Servizos e delegado no comité de Zara Loxística, Roberto Pérez, subliña que esta é a primeira vez en 20 anos que a empresa incumpre o pactado, ao decidir facer un peche patronal o día 1 de maio (que sempre foi laborábel neste centro de traballo) que suporá modificar os descansos semanais, o sistema de libranzas e as vacacións do persoal afectado (unhas 700 persoas do total de 1.300 que ten o almacén).
Pérez engade que este ataque aos dereitos haino que enmarcar no abandono paulatino do almacén de Arteixo en beneficio doutras plataformas loxísticas do grupo e incluso na derivación de carga de traballo a subcontratas nas que as condicións laborais son moi inferiores. De feito, esta perda paulatina de actividade ten provocado que nin sequera se estean a facer contratacións temporais.
Ao desvío da carga de traballo hai que sumarlle a falta de investimentos no almacén de Arteixo, xa que só se está facendo gasto en mantemento mentres "os investimentos millonarios van para outras plataformas". Por iso, Pérez instou a seguir na mobilización porque malia os milmillonarios beneficios que se acaban de anunciar e o reparto estratosférico de dividendos, Inditex rompe os acordos laborais e os investimentos que está a facer na comarca "destínanse ás oficinas e á sede principal, pero non ao tecido produtivo".
Á vista da situación, o comité insta ao conxunto do persoal a secundar tamén os paros previstos para as xornadas de mañá e pasado "porque defender os calendarios e os acordos significa defender a continuidade dos postos de traballo".