Traballadores/as e usuarios/as inician as mobilizacións en defensa da área sanitaria da Mariña
Traballadoras e traballadores da sanidade xunto con veciñas e veciños da comarca, participaron este mediodía nas concentracións convocadas pola Xunta de Persoal en rexeitamento á reforma da Lei de Saúde formulada pola Consellaría que suporá, entre outras cuestións, a supresión da Área Sanitaria da Mariña. As protestas desenvolvéronse ao mediodía na entrada ao Hospital da Costa e nos centros de saúde da comarca.
Dende a Xunta de Persoal apuntan que a extinción da área sanitaria "é unha das principais repercusións da aprobación do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza, que a converte nun mero distrito sanitario de Lugo". Deste xeito, o HULA (hospital de referencia na provincia) absorberá a maior parte dos recursos sanitarios "e os veciños e veciñas da Mariña veranse obrigadas a percorrer os 100 quilómetros de distancia coa capital ,aínda con maior frecuencia que agora".
Plena capacidade de xestión
Para evitar este recorte e afastamento dos servizos sanitarios, a Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Mariña esixiu a inmediata retirada do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza. Ao tempo que demanda unha área de xestión integrada para a comarca, con plena capacidade de xestión en asistencia primaria e especializada, e sobre os seus recursos humanos, económicos, infraestruturas e prestación de servizos.
"Demandamos un xiro de 90 graos nas políticas tendentes ao progresivo deterioro da sanidade pública e a súa mercantilización, porque a sanidade pública non pode ser un negocio, é un dereito e patrimonio de todos e todas que non queremos perder", aseveran.
"Dar a cara"
Dende o órgano de representación dos/as traballadores/as recriminaron "a covardía" do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que acudiu esta mañá ao Hospital da Costa para informar sobre a reforma da Lei de Saúde, mais só se dirixiu aos medios de comunicación e non publicamente ao persoal do hospital.
"Quen non ten nada que ocultar, dá a cara ante os traballadores e traballadoras da sanidade pública da Mariña", sentencian desde a Xunta de Persoal.
Suxestións ao anteproxecto a través do Portal da Transparencia
O anteproxecto de modificación da Lei de Saúde proposto pola Xunta suprime as áreas do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés, afastando así os servizos sanitarios das persoas. Até o 1 de setembro, o documento está aberto a suxestións no Portal da Transparencia. Dende a CIG convidámoste a que lle fagas chegar ao PP o teu rexeitamento a este recorte, esixindo a retirada do anteproxecto e o mantemento das áreas sanitarias. Para saber como facelo, só tes que premer esta ligazón.