Traballadores/as do naval e das auxiliares da central térmica esixen solucións á crise industrial da comarca

Realizaron mobilizacións simultáneas en Ferrol e nas Pontes
Ferrol/As Pontes - 27 Mai 2021

Traballadores e traballadoras do naval público e das auxiliares da central térmica de Endesa realizaron este xoves mobilizacións simultáneas en Ferrol e nas Pontes para visibilizar a crise que sofren os principais sectores industriais da comarca e esixir solucións inmediatas. O persoal de Navantia e das auxiliares saía ás 10 da mañá da porta do estaleiro para dirixirse á entrada do porto da cidade, onde fixo un corte de tráfico; mentres que os compañeiros e compañeiras das Pontes marchaban dende a central térmica até á autovía AG-64, onde tamén paralizaron a circulación.

O secretario da sección sindical da CIG en Navantia Ferrol, Marcelino Amado, adiantou que xa se está a traballar nun novo calendario para darlle continuidade ás mobilizacións en demanda de carga de traballo inmediata para os estaleiros e para esixir que se fagan as infraestruturas necesarias nas instalacións da ría, que xa estaban recollidas no plan estratéxico inicial pero que foron abandonadas, como o dique cuberto.

"Estes investimentos son vitais para o presente e para o futuro do estaleiro, e polo tanto, para o conxunto da comarca porque o naval é o noso motor económico do que dependen miles de empregos", subliña.

Porén, denuncia que, malia as xuntanzas e as declaracións de boas intencións do goberno español e galego e a sucesión de plans estériles, "a resposta real das administracións e da dirección de Navantia é negar estas dúas reivindicacións básicas: carga de traballo e investimentos, co que isto implica para moitas familias que están sufrindo o desemprego". Lembra que tras a saída do segundo buque para a armada australiana, as gradas están baleiras e non se agarda nova obra até o inicio das fragatas, que como moi pronto comezarán a construírse no segundo trimestre de 2022.

Amado referiuse tamén á marxinación que están a sufrir os centros da ría de Ferrol con respecto a outras instalacións de Navantia, para as que si se están destinando novos encargos. "Onte asistimos, unha vez máis, á frustración dun proxecto que viñamos defendendo como alternativa a esta falta de ocupación, a transformación do buque Galiza, que definitivamente se foi para Cartaxena, quedando Ferrol sen esa importante carga de traballo", alerta.

Neste senso, valora que "de nada serven a as reunións co delegado do goberno nin co alcalde da cidade, do mesmo partido que goberna no Estado, que amosan unha falta total de capacidade política para reverter a situación, en contraposición ao que ocorre noutros centros de Navantia e os políticos que os representan".

Transición xusta para As Pontes

Ao tempo, nas Pontes, traballadores e traballadoras da central e das súas auxiliares marchaban cara á autovía onde fixeron un corte de tráfico para esixir garantías de emprego, que se concretan xa os proxectos e alternativas industrias para a localidade así como reclamar que se proceda xa á sinatura do Convenio de Transición Xusta.

Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, subliña que os acordos que había con Endesa referentes ao emprego nas auxiliares e á preferencia na formación e no proceso de desmantelamento da central quedan trastocados ante a decisión de tramitar polo procedemento ordinario o expediente administrativo de impacto ambiental do peche da central.

Isto supón que a resolución se demorará até finais de ano, pero o acordo de garantías con Endesa só chega até xuño. "O que demandamos é que as garantías de emprego para as auxiliares cubran todo este período, que se concreten xa as alternativas e os proxectos industriais de futuro para a localidade e que se aclare que viabilidade teñen, canto emprego xeran ou cales son os tempos de execución", asevera Alberte Amado.

Xunto isto, advirte que é preciso evitar caer nun baleiro no período de transición dende o desmantelamento da central até que esas alternativas industriais se materialicen. En calquera caso, reitera, estes proxectos, xa sexan da man de Endesa ou doutras empresas, "deben levar parellas obrigas coa industria auxiliar e co colectivo de transportistas". Neste liña, Amado recalca que os proxectos non poden estar vinculados exclusivamente a que se concedan fondos do plan Next Generation, "senón que se teñen que implantar nas Pontes xa sexa con estas axudas ou con outro financiamento".

Convocatoria de Mesa o día 2

Estas cuestións serán trasladadas novamente aos gobernos na xuntanza da Mesa de Transición das Pontes que, logo de reiteradas peticións, o MITECO por fin convocou para o vindeiro día 2 de xuño. De igual xeito, tamén se reivindicará a sinatura inmediata do protocolo de actuación para a elaboración do convenio de transición xusta, pois As Pontes é o único territorio afectado polo peche das centrais no que aínda non se asinou. Neste caso, pola negativa da Xunta de Galiza, que entende que se trata dunha competencia autonómica.

A este respecto, Amado chama a atención sobre o feito de que o goberno galego se escude nesta cuestión, cando non está a exercer as competencias nin en materia de emprego nin de industria, "pois levamos meses demandándolle que busque e dispoña chan industrial nas Pontes para poder asentar os posíbeis proxectos que veñan, pero a día de hoxe aínda non fixo ningunha xestión neste sentido".

Xunto a isto, o representante sindical critica tamén que non se está a dar cumprimento ao acordo aprobado na comisión de industria do Congreso a prol de garantir o emprego nas auxiliares e promover unha transición enerxética verdadeiramente xusta.