Traballadores/as do naval da ría de Ferrol mobilízanse na Delegación do Goberno para esixir carga de traballo
Traballadores e traballadoras de Navantia e da industria auxiliar realizaron unha caravana de vehículos dende Ferrol e Fene até o edificio da Delegación do Goberno español (na cidade da Coruña) para esixir que se atendan as súas reivindicacións sobre a necesidade de dotar de carga de traballo inmediata os estaleiros da ría.
Unha representación do persoal mantivo un encontro co delegado do Goberno, a quen lle transmitiron a situación de subactividade na que se atopan os estaleiros e as consecuencias que isto supón para os preto de 3000 traballadores/as das auxiliares que, unha vez máis, se verán expulsados ao desemprego. Neste senso, Marcelino Amado, delegado da CIG no comité de Navantia, lamenta a actitude de Javier Losada, que se limitou a botar balóns fóra e como único compromiso aceptou xestionar unha xuntanza entre a representación social e o goberno estatal.
Amado lembra que o ano pasado, o comité e os delegados/as das auxiliares xa lle presentaran estas mesmas demandas ao delegado do goberno, mais neste tempo "non fixo os deberes como si están facendo responsábeis políticos do seu partido con igual cargo noutros territorios do estado". Por iso, cualifica de decepcionante que Losada "siga sen entender que significa Navantia para a comarca de Ferrol nin as potencialidades que ten".
A este respecto, urxiu á dotación inmediata de carga de traballo, tendo en conta que un dos buques para a armada australiana xa abandonou a ría, o segundo farao antes de rematar o ano e non está previsto que se comece a cortar chapa para as fragatas F-110 até a primavera de 2022, polo que até esa data as gradas ficarán baleiras. "Volvemos case á situación do ano 2012", alertou.
Fronte a isto, reclamou que se apuren ao máximo os prazos do programa de construción das fragatas ou se aprobe, de maneira alternativa, a construción dun buque loxístico, xa que nin a eólica nin reparacións son capaces de absorber o volume o traballo que xera a construción dun barco.
Necesidade de actualizar e ampliar as instalacións
Xunto a isto, a representación do persoal tamén esixe do Goberno español que cumpra coas inversións previstas no plan estratéxico, que se manteñan as instalacións contempladas no proxecto inicial e consignen as partidas para iniciar canto antes a construción do novo dique, unha infraestrutura imprescindíbel se se quere dotar aos estaleiros de futuro. Amado reitera que o dique cuberto “é irrenunciábel para poder competir en condicións de éxito no mercado internacional”.
Ademais, critica as decisións que está a tomar a dirección de Navantia, "decisións que son políticas", que comprometen o futuro do naval na ría, “como relegar Turbinas a un taller máis da fábrica, sen proxecto, incluso perdendo o mercado civil que foi unha das súas sinais de identidade”.
Neste senso, a CIG-Industria continúa a reivindicar a creación do Complexo Integral para a Construción Naval que permita superar a dependencia do sector militar á que están sometidos os estaleiros da ría de Ferrol e a periódica expulsión ao desemprego e a emigración que isto conleva para o persoal das subcontratas.