Traballadores/as do Diario de Pontevedra mobilízanse para reclamar un convenio digno con salarios xustos
Un grupo de traballadores/as do Diario de Pontevedra desenvolveu hoxe unha concentración para reclamar un convenio colectivo digno con salarios xustos, tras sete anos cos soldos conxelados. Trátase de primeira protesta do calendario de mobilizacións co que pretenden forzar a empresa a retomar as negociacións e que terá continuidade o vindeiro 14 de decembro cunha manifestación na cidade a partir das 20:00 horas, mentres que a partir do 22 teñen convocada unha folga indefinida.
A concentración celebrouse de 11:00 a 12:00 horas no entronque das rúas Lepanto e Benito Corbal ao berro de “Convenio digno, salarios xustos” e “Pontevedra, escoita, o Diario está en loita”. Tanto o paro como as mobilizacións contan co apoio da CIG e da UGT, os dous sindicatos con representación no Diario de Pontevedra, cabeceira que fai parte do grupo El Progreso.
Con esta campaña de protestas preténdese forzar a empresa a retomar unhas negociacións do convenio que suspendeu de forma unilateral tras meses de reunións e despois de trasladar a súa última oferta á parte social, na que contempla unha suba media do 1,1% para 2022, sen ter en conta os sete anos seguidos de conxelación salarial. “Esta proposta é insuficiente e inxustificada para o cadro de persoal”, sinalan dende a representación sindical.
Diante disto, as traballadoras/es decidiron en asemblea apoiar o calendario de protestas para reclamarlle á dirección unha mellora das súas condicións económicas e laborais. “Os salarios non se actualizan dende 2015, o que supón unha perda de poder adquisitivo que supera o 18% tras as distintas subas do IPC; a actual inflación coloca as empregadas/os nunha situación límite en moitos casos”, explican.
Traballo extra sen gratificar
Ademais da conxelación de nóminas, o persoal do Diario viuse afectado por un ERTE durante a pandemia, que se iniciou en 2020. “Este expediente xerou un quebranto non só económico, senón tamén organizativo, cun sobreesforzo durante a covid para dar cobertura informativa a todo o que acontecía na cidade e nas comarcas, sen que o produto se vise resentido”.
O ERTE aplicouse a pesar de que o sector foi declarado de primeira necesidade polo Goberno español durante a crise sanitaria. “Mais este traballo extra nin se gratificou, nin se compensou, nin se agradeceu; por contra, as traballadoras/es viron reducida a súa bolsa de paro e sufriron o agravio comparativo doutras empresas do sector, que evitaron aplicar medidas como esta regulación”.
Finalmente, dende o cadro de persoal do Diario de Pontevedra queren trasladar publicamente o compromiso cos seus lectores/as e coa cidade, coa que a cabeceira está historicamente ligada. Tamén reclaman o apoio das “forzas vivas” de Pontevedra ás súas reivindicacións. “Hoxe son as traballadoras/es do xornal decano da Boa Vila as que queren ser escoitadas/os e as que precisan o respaldo social”.