Traballadores/as do CTAG trasladan a Stellantis as protestas contra a precariedade laboral
Delegados/as sindicais e traballadores/as do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG) que desenvolven o seu labor nas instalacións de Stellantis mobilizáronse hoxe diante do grupo francés do sector do automóbil no marco da campaña posta en marcha pola CIG para rexeitar a precariedade e reclamar salarios dignos e categorías laborais xustas. A próxima protesta terá lugar o vindeiro xoves 13 de abril diante de BorgWarner, outro dos clientes do CTAG.
As mobilizacións -nas que non participan o resto de sindicatos con representación no comité- coincide coas negociacións abertas para pactar un acordo de empresa a respecto dos incrementos salariais. Dende a CIG anunciaron a posta en marcha dun calendario de mobilizacións, con protestas todos os xoves até mediados de abril, para rexeitar a crecente precarización das condicións de traballo no CTAG.
O persoal rexíase até o de agora polo convenio estatal de Enxeñaría, que levaba dous anos caducado e que se renovou recentemente. Pero a pretensión dos traballadores/as é contar cun acordo de empresa que incorpore tamén unhas categorías dignas “que recollan as funcións que verdadeiramente facemos, xa que o de Enxeñaría non as cubre”, sinalan dende a central sindical.
Neste senso, lembran que a nivel salarial os traballadores/as do CTAG están moi por debaixo da media do sector, “algo que non pode ser nunha empresa que recibe inxentes cantidades de diñeiro público, tanto da Xunta como da Unión Europea, e tendo en conta que as compañías para as que traballamos están a ter beneficios millonarios”.
Tamén en BorgWarner
Un destes clientes é a propia Stellantis, a cuxas portas se celebrou hoxe unha concentración de 13:00 a 15:00 horas, coincidindo co tempo de descanso para comer, na que participaron os delegados/as da CIG e empregados/as do CTAG que desenvolven o seu labor nas instalacións da transnacional gala.
Para o vindeiro xoves 13 de abril está prevista unha nova protesta, que terá lugar diante de BorgWarner a partir das 11:00 horas. Unha vez rematadas estas mobilizacións a CIG, que preside o comité de empresa, celebrará unha asemblea de traballadores/as a para abordar o posíbel endurecemento das medidas de presión, sen descartar unha convocatoria de folga.