Traballadores/as do comercio do metal maniféstanse en Vigo por un convenio digno
Traballadoras e traballadores do comercio do metal manifestáronse na tarde deste martes polas rúas de Vigo en resposta á parálise da negociación do convenio provincial e responder a proposta de miseria presentada pola patronal. Ao remate da mobilización, convocada por CIG, CCOO e UGT e na que participaron unhas 200 persoas, informouse que a patronal rexeitou a mediación solicitada polas centrais sindicais para tentar desbloquear a situación.
A patronal alega esta negativa, explica a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, "ao considerar que as negociacións non están rotas, polo que hoxe mesmo lle solicitamos por escrito unha reunión para o martes 20 de setembro". Se nesa xuntanza, engade Fernández, non se producen avances significativos que permitan chegar a un acordo de convenio, os sindicatos convocarán unha asemblea do sector para analizar os seguintes pasos a dar "e valorar en serio a convocatoria de folga".
O convenio colectivo do sector do comercio metal de Pontevedra (que leva dous anos caducado) abrangue actividades tan diversas como comercio de electrodomésticos, ferretería e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas-maioristas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría, así como concesionarios de vehículos e establecementos de venda de neumáticos.
Para tentar ordenar esta amalgama, as organizacións sindicais propuxeron entrar no convenio provincial de comercio vario que se está a negociar, pero a patronal negouse.
Proposta miserenta
Na súa última oferta, a patronal propuxo un convenio con vixencia dende 2020 a 2023, sen incremento salarial nos dous primeiros anos, mentres que para 2022 ofrecen un 6,5% (dende xaneiro e sen revisión salarial) e para 2023 a suba sería do 3% “con revisión salarial topada nun 4%”. Unha proposta miserenta que non contempla nin redución de xornada anual nin outras melloras das condicións laborais.
Diante disto, o persoal do sector e as centrais sindicais decidiron iniciar unha campaña de información e de mobilizacións o pasado 8 de xuño en demanda dun convenio digno que se intensificará nas vindeiras se a patronal continúa coa súa actitude inmobilista.