Traballadores/as do Club do Mar reclaman a readmisión do compañeiro despedido e o cese das persecucións
Traballadoras e traballadores, acompañados por socios e socias do Club do Mar de San Amaro, concentráronse na tarde deste luns diante das instalacións en rexeitamento ao despedimento dun compañeiro e denunciar as actitudes represivas da xunta directiva. Con este, van xa case unha decena de despedimentos en menos de dous anos, dos cales, os xudicializados foron gañados e recoñecidos pola xustiza como improcedentes.
Pero ademais, nesta ocasión, o compañeiro despedido é tamén delegado de persoal no comité de empresa que se elixiu en datas recentes e no que, por primeira vez, as persoas traballadoras do Club do Mar deron o apoio maioritario á central nacionalista. Por iso, para a CIG-Servizos con esta decisión búscase intimidar as persoas traballadoras que realizan as súas actividades profesionais dentro das instalacións, mentres se vulnera o dereito á liberdade sindical e se incumpren os acordos coa representación social.
Hai que subliñar que o traballador despedido conta con máis de 20 anos de antigüidade neste centro e chegara a un acordo de redución de xornada para poder desenvolver a súa actividade noutra empresa á vez que segue ao cargo da sección do equipo de natación.
Por iso, no marco da protesta, a CIG-Servizos tamén fixo entrega dun escrito reclamándolle á xunta directiva a readmisión inmediata do traballor e que cese na súa política de "persecución ás nosas afiliadas e afiliados e aos delegados e delegadas de persoal, sexa polo medio de sancións ou despedimentos inxustificados".
Pola súa banda, a dirección da entidade segue sen contestar as solicitudes da representación social e sen recibir o comité de empresa.