Traballadores/as de XEAL concéntranse nos xulgados para esixir a readmisión do compañeiro despedido
Traballadores e traballadoras de XEAL concentráronse este mércores nos xulgados da Coruña en solidariedade co compañeiro despedido de maneira “totalmente inxusta e inxustificada”. A protesta convocouse coincidindo coa celebración do xuízo polo despedimento e durante a mesma reclamouse a readmisión do traballador, o cese da política de represión laboral e un plan de recuperación das capacidades produtivas das fábricas de Cee e Dumbría.
O presidente do comité, Alfonso Mouzo, subliñou a falta de motivación deste despedimento, que enmarca na persecución e a política de medo que a dirección ten iniciado contra o seu persoal. Neste senso, explicou que na propia carta de despedimento, XEAL recoñece que o afectado é o mellor traballador do seu departamento “e aínda así bótano, que sentido ten isto?”, inquiriu.
Mouzo advertiu da perda continuada de emprego no complexo industrial e enerxético da Costa da Morte dende a chegada da nova propiedade, con máis de 30 empregos fixos destruídos, outros tantos postos eventuais e moitos máis na industria auxiliar. A isto engádense agora os intentos da dirección de recortar as condicións laborais e salariais do persoal pola vía de dilatar indefinidamente a negociación ate provocar a caída do convenio propio para así pasar a aplicar o convenio do sector, de condicións inferiores.
Estas manobras, engadiu Mouzo, enmárcanse no deterioro progresivo das fábricas e no drástico recorte da actividade produtiva, até o punto de que XEAL se negou a pór en marcha dous fornos, tal e como lle requiriu FerroGlobe (provedor e cliente único), por disputas entre as dúas empresas.
“E mentres medra a demanda de ferroaliaxes no mercado internacional vemos como as nosas fábricas cada día están máis deterioradas pola falta de investimentos e mantemento adecuado, e como seguimos perdendo postos de traballo e capacidade produtiva”, alertou Mouzo, quen atribúe esta situación industrial á fraude que supuxo a venda orquestrada entre FerroGlobe e o fondo de investimentos TPG, cun interese unicamente no negocio da produción eléctrica.
Por iso, unha vez máis, reclamou a intervención inmediata da Xunta de Galiza para obrigar a empresa a cumprir coas cláusulas esenciais das condicións, pois manter a vinculación das actividades enerxéticas e de ferroaliaxes é a mellor garantía de continuidade dos empregos e da produción nos fornos.
A este respecto, demandou ao goberno galego que declare a nulidade da operación de venda por non terse cumprido o trámite da autorización administrativa previa e, ademais, que a Xunta proceda a rescatar a concesión dos saltos de auga ante os manifestos incumprimentos da empresa.