Traballadores/as de Vulcano concéntranse diante do Parlamento tras camiñar catro días desde Vigo
Traballadores e traballadoras de Vulcano chegaban esta mañá a Compostela tras percorrer os preto de 100 quilómetros de distancia que hai entre Vigo e a capital de Galiza. Unha camiñada que iniciaban o pasado martes día 1 de outubro e que concluíu este venres cunha concentración e un corte de tráfico diante do Parlamento de Galiza, en demanda da implicación da Xunta, para que se garanta o mantemento da actividade e do emprego. Unha implicación que non conseguiron porque a consellaría de Industria mesmo se desdixo dos compromisos adquiridos e preferiu “mirar para outro lado”.
Así o explicaba César Rodríguez, responsábel do sector naval da CIG-Industria de Vigo, ao remate da xuntanza celebrada a partir das dúas da tarde nas dependencias da Xunta, en San Caetano. Unha reunión que “se se chegou a celebrar foi pola presión exercida polos traballadores nesta marcha, senón non a teríamos” e que constatou o “desleixo” do goberno do PP, na Xunta de Galiza, porque “aquí non está só unha empresa en perigo, está o naval na ría de Vigo”, advertiu.
Rodríguez lembrou que Vulcano e Barreras representan máis do 25% da posible contratación de traballadores/as do sector na ría de Vigo e considerou que, por iso, a perda de Vulcano é moi grave porque “en actividade normal estamos falando de entre 900 e 1.000 traballadores”.
O representante da CIG acusou ao PP de falar de que o naval é un sector estratéxico, de utilizalo en campaña electoral, como cando se vendeu Pemex como solución e de “mirar para outro lado” cando ten problemas.
Falta de confianza
Rodríguez lembrou que desde a CIG víñase alertando de que un dos problemas que tiña, non só Vulcano, senón tamén Barreras, era de “falta de confianza” porque, aínda que se trata dos dous estaleiros privados máis grandes do Estado, estaban saíndo dun concurso e precisaban dun apoio que ía máis alá do financeiro, para que os armadores confiaran nos estaleiros. “Cando saes dun concurso, ante calquera impago calquera acredor pode denunciar e iso podería provocar que o estaleiro entrara en liquidación instantánea, co cal é moi difícil que un armador, ante esa situación e coas débedas de Vulcano, se puidera confiar”.
Por iso a CIG insistiu no seu momento na necesidade de que a Xunta entrara a formar parte do accionariado, “aínda que fose minimamente para, polo menos, controlar o que se estaba facendo no estaleiro, porque se estaban metendo cartos públicos, mais tamén a efectos de dar confianza porque, calquera armador, sabendo que hai unha administración detrás, estaría máis en disposición de concretar unha contratación”.
Tampouco liquidación controlada
Nese sentido, Jorge Rodríguez Montezano, delegado da CIG en Vulcano e membro do comité de empresa, lembrou que as conversas coa Xunta, a través do IGAPE, e co conselleiro de Industria, comezaron tras conseguirse o contrato dun ferry para Transmediterránea.
Segundo explica Rodríguez Montezano, nesas conversas “incitábasenos a que, unha vez rematado o ferry, non lle déramos máis oportunidades ao noso empresario, que xa non tiña máis crédito e que se instara á liquidación. Isto a cambio de que eles, entre mentres, buscaran un novo empresario, un novo proxecto industrial para o estaleiro respectándosenos subrogar os contratos, manter os postos indirectos e directos que xeramos cunha liquidación controlada”.
Porén, tamén a consellaría se desdixo disto e deslizou que se trataba dunha mala interpretación por parte dos traballadores/as. Por iso o representante da CIG no comité denuncia que “nós cumprimos a nosa parte do trato, que foi entregar o ferry, aínda que con moitos atrancos e despois de estar con seis nóminas sen cobrar. Un período no que nos chantaxearon para que entregaramos o barco ou, nin sequera nos entregaría as nosas”.
Unha vez feito todo isto, Rodríguez Montezano asegura que “unha vez feito todo ese esforzo e chegados ao final, ao día seguinte de presentar a liquidación vemos que o conselleiro nin nos dá resposta, nin nos chama, nin quere saber nada de nós. Entón decidimos os compañeiros dar un paso máis adiante e antes de que se extingan os contratos e antes de que pareza que todo o mundo ten expectativas para que Vulcano non sobreviva nós imos loitar para que se manteña tanto o tecido industrial que xera Vulcano, tanto para a industria auxiliar, como para nós mesmos e para continuar cos nosos postos de traballo”.
De aí que fixeran esta marcha para presionar á consellaría para que os recibira nunha xuntanza que finalmente resultou frustrante. Así as cousas, o luns o comité presentarase no xulgado para recoller as cartas de despido e, nese momento, a histórica factoría de Vulcano botará o peche á espera de ver se aparecen as ofertas e de que ofertas se trata.