Traballadoras/es de Teleperformance denuncian que Naturgy seque a destruir emprego e a deslocalizar a atención á clientela
Delegados e delegadas de Teleperformance concentráronse este xoves diante dos edificios de Naturgy da Coruña (onde estaba o antigo MACUF) para denunciar a destrución de postos de traballo e a deslocalización das tarefas de atención á clientela na Galiza que está a levar adiante a eléctrica coa colaboración da súa contrata.
Advirten que dende hai sete anos, Gas Natural Fenosa fixo desaparecer máis de 240 postos de traballo só en Teleperformance A Coruña, "o que supón un paso máis no expolio dos recursos de Galiza e na destrución de emprego no noso país". Lembran que no ano 2013 Naturgy levou fóra a comercializadora de mercado libre, (UFC), coa perda de 103 postos de traballo na Coruña. En 2019 desapareceron outros 102 empregos coa perda da comercializadora de mercado regulado, (GNSUR), "levando unha vez máis o traballo fóra da nosa comunidade".
Agora "tócalle ao servizo de apoio e xestión administrativa das comunicacións entre a distribuidora UFD e as comercializadoras, (ATR), supoñendo a desaparición doutros 40 postos de traballo en Teleperformance da Coruña, xa que a partir do 1 de novembro se fará cargo deste servizo a empresa Everis dende Alicante". A representación social teme que o persoal que queda en UFD (avarías), 100 postos de traballo, corra a mesma sorte a curto ou medio prazo.
Vulneración dos dereitos, ameazas e sancións
Esta destrución continuada de empregos e a deslocalización de servizos ten consecuencias directas sobre o persoal de Teleperformance "que está a ver como se vulneran os seus dereitos con constantes coaccións, ameazas, sancións e despedimentos inxustificados". Unha situación ante que, critican, a Inspección de Traballo "non está actuar, posto que temos denunciado en reiteradas ocasións estas actuacións sen recibir a resposta correspondente".
Teleperformance é unha empresa de contac center que ocupa a máis de 800 persoas na Coruña dando servizos a grandes multinacionais de telecomunicacións, empresas enerxéticas e doutros sectores. Segundo indica na súa páxina web, forma parte do 20% de empresas que están contratando durante a crise sanitaria.
Porén, a realidade é que o persoal padece unhas condicións precarias que se viron agravadas dende o inicio da pandemia e a implantación do teletraballo en condicións abusivas, que a empresa está a facer descontos nas nóminas por desconexións que non son responsabilidade do persoal e aplicando sancións e despedimentos totalmente arbitrarios.