Persoal de Tegestacín mobilízase pola continuidade dos empregos e da produción e polo pago dos salarios
Traballadores e traballadoras de Tegestacín concentráronse este xoves diante da planta de Outeiro de Rei en demanda dunha solución de continuidade para os empregos e a actividade produtiva e para esixir o pago inmediato dos salarios de decembro, que a empresa segue sen abonar.
A protesta realizouse tras a reunión do período de consultas do ERE no que a dirección, despois de atrasar unilateralmente o inicio da xuntanza, foi incapaz de concretar cando procederá a ingresar as nóminas. Christian López, secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, esixe que de inmediato se abonen dos soldos xa que nas instalacións se continúa facendo produción de queixo, que ocupa a un terzo do persoal. "É unha actividade moi residual pero que lle permite manter a produción e cumprir os compromisos cos clientes, mentres non rematan de preparar as outras instalacións", sinala.
Trasladar a produción a outra planta
Porque a representación social entende que o obxectivo final do ERE non é o outro que desfacerse do persoal e trasladar a produción que até agora se facía en Outeiro de Rei a outra planta do grupo, concentrando nestas instalacións toda a súa produción e dedicándose en Galiza só á venda. De feito, apunta López Carmona, a empresa xa trasladou parte da maquinaria e cámaras frigoríficas.
Na reunión do ERE, a representación do persoal solicitou documentación que acredite as causas económicas alegadas pola empresa, xa que faltan as contas de 2019 e parte das de 2020. Ademais, "entendemos que Tegestacín forma parte dun grupo e polo tanto ten que presentar as contas consolidadas e as das diferentes empresas", subliña.
Tegestacín alude á perda dun contrato importante para xustificar este drástica decisión, pero "neste tipo de industrias perder un contrato non significa necesariamente ter que para a produción: é un cambio de ciclo e o que hai que facer é buscar novos clientes".
Critica o responsábel sindical que a dirección pretendera que se lle avale unha proposta de acordo para a extinción dos contratos sen concretar os termos nin ofrecer ningún tipo de garantía para os traballadores e as traballadoras. López denuncia tamén que a empresa se nega a clarificar que ten pensado facer coas instalacións, pois este é un importante activo a través do que a empresa pretenderá facer caixa mediante a súa venda.
Implicación da Xunta
A este respecto, a representación do persoal reunirase este venres coa Xunta de Galiza para demandar a súa implicación directa na busca de solucións que permitan o mantemento dos empregos e da produción, pois "resulta incríbel que no país do leite morramos de fame con este tipo de industrias".