Traballadores/as de Segur Ibérica mobilízanse en demanda do cobro de soldos
Un grupo de traballadores/as de Segur Ibérica realizaron este luns unha concentración diante do reitorado da Universidade da Coruña (institución na que a empresa presta servizos de seguridade privada) para reclamar o cobro da nómina de novembro e que se regularice o pago dos salarios.
A elección do edificio da Mestranza para facer a protesta veu motivada porque o persoal de seguridade privada da UdC aínda non cobrou o seu salario e porque se tiña coñecemento de que o director territorial da zona noroeste de Segur Ibérica ía acudir a unha reunión no reitorado, cousa que finalmente non aconteceu.
Porén, representantes da universidade si mantiveron unha xuntanza con representantes dos/as traballadores, a quen lle informaron que a institución está a realizar xestións para que se axilice o pago dos salarios aos/ás traballadores/as. Dende a CIG-Servizos tamén pediron á UdC que medie para que se garanta o cobro regular das nóminas, "do mesmo xeito que a universidade paga puntualmente á empresa polos servizos prestados".
CIG-Servizos lembra que os empregados/as de Segur Ibérica, que vén de presentar concurso voluntario de acredores, seguen sen cobrar o salario do mes de novembro e existe preocupación polo feito de que seguramente tampouco reciban a paga extra de decembro.
Ademais, o persoal que foi subrogado polas empresas que asumiron os servizos aos que renunciou Segur Ibérica tampouco cobrou o soldo de novembro nin as liquidacións correspondentes. Por iso, a Federación da CIG reitera que está a disposición dos traballadores/as para elaborar as demandas para reclamar as cantidades “xa que a empresa presentou concurso de acredores e as débedas teñen que estar recoñecidas”.
A falta de pago por parte da compañía xa foi posta en coñecemento da Inspección de Traballo, que emitiu varias resolucións recoñecendo que se trata dunha infracción moi grave. Con todo, dende a CIG continuarase a solicitar que se impoñan as sancións oportunas á empresa e convocaranse novas mobilizacións se non abonan de inmediato as nóminas a todo o persoal.