Persoal de SEAGA protesta en Ferrol para pedir que se compute a súa experiencia na extinción de incendios
Traballadoras e traballadores de SEAGA, en folga indefinida dende o pasado 16 de setembro, concentráronse este mércores na Praza Amada García de Ferrol para exixir igualdade de oportunidades no acceso ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza (SPDCIF). Para isto reclaman a modificación do decreto de contratación da Xunta e poder puntuar por todo o tempo traballado en SEAGA realizando servizos de extinción.
A CIG-Servizos lembra que hai uns meses a Xunta anunciou que SEAGA e TRAGSA deixarán de recibir encomendas para a extinción de lumes, avanzando así na unificación e profesionalización do servizo -cuestión que a central sindical leva anos demandando-. Para suplir eses postos, a administración creará 500 empregos propios a cubrir a través das listas da Xunta. Porén, segundo o estabelecido no decreto de contratación, o persoal de SEAGA (a pesar de ser unha empresa pública dependente da Consellaría de Medio Rural) non poderá computar a súa experiencia laboral.
"É dicir, todo ese capital humano profesionalizado e formado quedará fóra do SPDCIF. O traballo de extinción realizado durante 12 anos en condicións precarias polos traballadores e traballadoras de SEAGA valerá cero puntos, ao contrario do que acontece co persoal da Xunta ou das brigadas municipais", denuncian.
Seguirán as mobilizacións até ter feitos concretos
Para presionar a Función Pública e lograr a modificación do decreto e esixir igualdade de oportunidades, o persoal de SEAGA está en folga indefinida dende o pasado 16 de setembro, aínda que na práctica o seu dereito á folga vese conculcado polos abusivos servizos mínimos decretados, que acadan o 100%, e que xa foron recorridos.
Cómpre lembrar que só foi despois do anuncio da convocatoria de folga que Medio Rural e Función Pública tiveron a ben sentar coa representación do persoal para aclarar como se pretende abordar a reordenación do SPDCIF e os cambios en SEAGA.
O traballo de extinción realizado durante 12 anos polo persoal de SEAGA valerá cero puntos. Se non cambia o decreto, todo ese capital humano profesionalizado e formado quedará fóra do SPDCIF"
Desa xuntanza arrincouse o compromiso de que Función Pública convocaría a mesa xeral de negociacións para abordar coas organizacións sindicais a modificación do decreto de contratación. Porén, dende a xuntanza celebrada o pasado día 19, na que a CIG esixiu que os prazos para resolver o conflito sexan o máis curtos posíbeis e solicitou a apertura urxente do proceso negociador, pouco se ten avanzado.
Por iso, a representación social ten solicitada unha nova xuntanza con Función Pública para que explique en que punto está o proceso, mais "mentres non haxa feitos avaliábeis seguiremos coa folga e as mobilizacións".
Labores de prevención e limpeza
Doutra banda, SEAGA vai seguir levando obras de prevención e encargarase tamén da limpeza das franxas de seguridade, de acordo co convenio asinado entre Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Con todo, tampouco para estes labores se sabe con que persoal se vai contar.