Traballadores/as de San Cibrao mobilízanse contra a represión sindical e en apoio ao compañeiro Kike
Traballadores e traballadoras da fábrica de San Cibrao manifestáronse a primeira hora deste venres dende Cotelsa até a entrada de Alcoa en apoio ao compañeiro Kike Rocha (delegado da CIG e voceiro da coordinadora de auxiliares) e para esixir o cese da represión que está a sufrir por realizar o seu labor sindical.
Rocha (traballador da auxiliar Cotelsa) leva tres meses padecendo unha dura persecución sindical, sendo retirado do posto de traballo que ocupou nos últimos sete anos, recolocado en traballos de menor cualificación e mandándoselle realizar certos traballos para os que non ten formación.
Non hai que perder de vista que este delegado participou como asesor da CIG en todas as negociacións realizadas con Alcoa con motivo da presentación do ERE e que é o voceiro da plataforma coordinadora das auxiliares de San Cibrao.
Para a CIG-Industria o acoso ao compañeiro é unha resposta ao labor que fai de representación sindical dunhas empresas auxiliares coordinadas e organizadas para loitar polos dereitos dos traballadores e traballadoras deste colectivo (que obviamente afecta a Alcoa e as patronais das empresas auxiliares) e esixe o cese inmediato no acoso e na vulneración dos dereitos sindicais.
Xuízo o próximo luns en Lugo
Estes feitos foron postos en coñecemento dos servizos xurídicos e está fixada data de xuízo para o próximo luns, 18 de xaneiro. Con tal motivo, tamén está convocada unha concentración solidaria esa día, ás 10:30 horas, diante dos xulgados de Lugo.