Traballadores/as de Poligal inician un peche no Concello de Ferrol en defensa do futuro da fábrica
Un grupo de traballadores e traballadoras de Poligal iniciou hoxe un peche no Concello de Ferrol en rexeitamento ás pretensións do Grupo Peralada de liquidar a fábrica naronesa e na defensa dos empregos e a continuidade da actividade produtiva. O encerro, que foi acordado durante a asemblea do persoal celebrada este xoves e que comezou por volta das 13:00 horas, prolongarase até mañá, venres, ás 12:30 horas, momento no que o persoal sairá en manifestación até os edificios da Xunta.
Ademais do persoal de Poligal, a manifestación do venres contará tamén coa participación de traballadores e traballadoras de Navantia. A CIG-Industria remarca a clara ligazón entre estes dous colectivos, xa que a fábrica naronesa naceu ao abeiro das axudas para a diversificación industrial da comarca, altamente dependente da construción naval, tras da mal chamada reconversión do sector na década dos 80.
A reunión co Ministerio, unha "decepción"
Esta nova medida de presión, que se enmarca no calendario de mobilizacións que o persoal está a desenvolver dende que o pasado mes a empresa anunciara a solicitude de concurso de acredores, chega logo da "decepcionante" xuntanza no Ministerio de Industria na tarde do xoves.
A CIG-Industria criticou con dureza que o PSOE anunciara unha xuntanza a tres bandas (representación social, Administración estatal e empresarial) cando "nin sequera se convidou a dirección do grupo empresarial". Alberte Amado explica na reunión de Madrid produciuse algún mínimo avance técnico con respecto ao encontro previo, "pero basicamente reproduciuse o xa falado na mesa de traballo creada coa Consellaría de Industria".
"Os compromisos acadados foron os mesmos que xa había e, tras unha semana, nin sequera contactaron coa empresa ou co administrador concursal para conseguir paralizar a presentación do ERE extintivo, tal e como se comprometeran dende o Ministerio". Esta é a cuestión máis urxente, subliña Amado, posto que, "segundo as informacións que temos, Poligal formulará o expediente de despedimento colectivo en breve".
Neste contexto, cualificou de pouco produtiva a reunión deste xoves á que finalmente só acudiron o director xeneral de Industria e o subdirector xeneral de Políticas sectoriais industriais e engadiu que a representación da CIG se sinte "defraudada" co resultado. Neste senso, Amado insistiu en que non se pode facer campaña electoral co este conflito porque está en xogo o futuro de máis de cen empregos e "non poden anunciarnos reunións coa presenza da empresa que non se producen".
Así mesmo, este venres pola tarde está prevista unha nova xuntanza da mesa técnica creada coa Xunta, comité e sindicatos para analizar as posibilidades e alternativas de futuro da fábrica.