Traballadores/as de Noa mobilízanse contra os despedimentos e a explotación laboral
Traballadores e traballadoras de Noa Madera Creativa trasladáronse esta mañá até as instalacións que o Grupo Malasa ten no Temple (Cambre) para denunciar a explotación laboral que pretende impor o grupo empresarial e as manobras de desmantelamento paulatino da fábrica de Fene, na que actualmente traballan preto de 200 persoas.
O comité denuncia que dende que Malasa se fixo coa propiedade de Noa Madera Creativa en 2018, está levando adiante despedimentos individuais e non renovando contratos eventuais, para substituílos por persoal contratado a través de ETTs e empresas multiservizos, en condicións máis cativas. Esta estratexia iniciouna o Grupo Malasa despois de pretender aplicar un ERE extintivo para preto de 100 empregados/as -tan só un mes despois de adquirir Noa-, que non frutificou grazas á mobilización e á imposibilidade de xustificar a regulación.
Porén, nos últimos días, moitos traballadores e traballadoras de Noa están a recibir cartas nas que se lles informa de que as súas condicións laborais van a ser modificadas, debido á presunta mala situación económica pola que está a pasar a empresa; e ao tempo outros traballadores e traballadoras están sendo trasladadas ás instalacións que o Grupo Malasa ten en Cerceda.
Estas decisións, apunta o comité, forman parte da estratexia de Malasa para impor en Noa a precariedade laboral na que ten a maior parte do seu cadro de persoal "malia traballar para marcas de recoñecido prestixio como a galega Inditex ou a alemá Adidas". Noa dedícase ao deseño, fabricación e instalación de mobiliario para locais comerciais.
Diante desta ataque continuado, o comité acordou levar adiante esta concentración en defensa dos postos de traballo e das condicións laborais en Noa.