Traballadores/as de Navantia e as auxiliares mobilízanse para esixir carga de traballo e investimentos
Traballadores e traballadoras do naval da ría de Ferrol mobilizáronse dende o estaleiro até a do Concello, onde realizaron unha concentración, para demandar carga de traballo e os investimentos necesarios para pór os estaleiros no século XXI. A sección sindical da CIG en Navantia subliña que este o momento de intensificar as mobilizacións "porque xa estamos nun momento moi complicado e porque están a debate os orzamentos e o reparto dos fondo do plans europeos de reconstrución".
Neste senso, Marcelino Amado insta os gobernos español e galego a tomar exemplo do que acontece noutros países da UE que están apostando forte polo sector naval nos proxectos que optan a eses fondos."E Navantia cumpre coas condicións requiridas para entrar neses plans", asevera.
Para o responsábel da sección sindical da CIG-Navantia Ferrol é o momento de incrementar a presión mobilizadora para esixir investimentos e carga de traballo "que é o que máis nos urxe, pois temos por diante un ano e medio sen obra nova, xa que os traballos das fragatas non está previsto que comecen até mediados de 2022". Aínda que xa hai unha importante destrución de emprego nas auxiliares, esta acusarase na primavera do próximo ano cando marche o segundo buque da mariña australiana.
Actualizar as instalacións, amplialas e potenciar todas as actividades
Por iso reitera a importancia de presionar para conseguir que o goberno consigne os investimentos necesarios para actualizar e ampliar as instalacións "porque isto é o que o nos vai permitir ter carga de traballo no futuro, competir nos mercados e acceder a novos negocios". Mais pola contra, Amado critica o abandono e boicot da dirección de Navantia a actividades tan relevantes como Carenas, que a CIG sempre defendeu como esencial para o estaleiro.
"Para fomentar esta actividade precisamos do novo dique", explica Amado, lembrando que malia estar no proxecto estratéxico a construción desta obra estase demorando de maneira interesada. "Mentres nos demais países os diques están cheos, nós témolos baleiros. As infraestruturas de Carenas quedan obsoletas, non se aproveitan tampouco as sinerxías coa planta de gas e incluso se minusvalora e torpedea o desenvolvemento de Turbinas, que agora non ten ningún programa cando até hai pouco tiña independencia económica e tecnolóxica".
Denuncia a falta de interese por parte da dirección de Navantia para impulsar novos proxectos e pórse á fronte das negociacións con socios tecnolóxicos, cunha actitude de total pasotismo e sen traballar para tentar introducirse en novos mercados.
Amado referiuse tamén ao abandono do estaleiro de Fene, ao que non se está incorporando novo persoal e que está dedicado en exclusiva á eólica mariña, mais sen apostar polo I+D+I nin por actividades de valor engadido, senón que Navantia aluga as instalacións a Widnar "co risco de que este sexa o seu destino final e quede nada máis que para funcionar como almacén".
Calendario de mobilizacións
A concentración deste xoves enmárcase no calendario de mobilizacións aprobado e continuará dentro de dúas semanas cunha manifestación. Porén, o persoal baralla confluír con outros sectores nunha gran mobilización comarcal tendo en conta a grave crise que atravesa Ferrolterra a todos os niveis.