Traballadores/as de Naturgy manteñen as protestas contra o peche do COR da Coruña
Traballadores e traballadoras do Centro de Operacións de Rede de Naturgy na Coruña continuaron este mércores coas mobilizacións en rexeitamento á decisión da empresa de pechar as instalacións e deslocalizar a prestación do servizo a Madrid, malia as consecuencias que esta medida ten sobre o emprego e sobre a calidade do subministro que se presta ás galegas e galegos, atendendo á posición maioritaria de Naturgy no mercado eléctrico en Galiza, tanto na produción como na distribución.
A protesta, na que o persoal cortou o tráfico até a glorieta “Eduardo Diz” no Polígono da Agrela, desenvolveuse coincidindo co remate este mércores do prazo voluntario establecido pola empresa para as adhesións individuais á oferta de traslados, toda vez que o comité non asinou o acordo proposto por Naturgy por ser totalmente insuficiente.
O secretario do comité e delegado da CIG, Félix Hernanz, sinalou que os traballadores descoñecen que vai pasar a partir de mañá, aínda que polo acontecido ao longo da negociación, "temémonos o peor, que a empresa empece xa a enviar as cartas comunicando os traslados".
Hernanz advertiu das consecuencias que esta decisión empresarial ten non só para o emprego, senón tamén para o servizo. "O persoal coñece as instalacións, a cultura, a orografía e a problemática que hai en Galiza e mandar o COR a Madrid non vai mellorar isto”, recalcou.
De feito, denunciou que dende que os fondos de investimento se fixeron cargo da empresa “o tempo e os cartos que se dedican a mantemento e operacións reducíronse moito” e incluso dende a Xunta recoñeceron que houbo un incremento das sancións por tempos de demora por reposicións.
Sen políticas públicas para unha transición xusta
Porén, a Xunta desenténdese deste conflito, limitándoo, ao igual que ocorre co peche do Centro de Operacións de Conca de Iberdrola na Rúa, a unha decisión empresarial, mais sen esixirlle ás eléctricas ningún tipo de responsabilidade social ou ambiental, nin compromisos de mantemento dos empregos.
Neste senso, o delegado da CIG foi moi crítico coa postura mantida polo Goberno galego "máis preocupado porque chegaramos a un acordo coa empresa que por evitar o peche do COR. Este é un centro crítico para Galiza, pero a pesar das implicacions que ten para o subministro da rede, a Xunta deunos as costas, non lle importa en absoluto que se trasladen as instalacións".
Unha decisión que afonda na crise industrial
A decisión de Naturgy afonda no desmantelamento industrial e na destrución de emprego cualificado e de calidade en Galiza e coincide de cheo cun proceso de transición enerxética que para o noso país está sendo un auténtico proceso de reconversión.
Sobre esta cuestión, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, engade que Naturgy leva décadas obtendo millonarios beneficios a conta de explotar os nosos recursos naturais e "permíteselle actuar con tal impunidade que nin sequera tivo que asumiu as consecuencias do peche da central de Meirama, ao contrario, seguirá mantemento unha posición de privilexio grazas á construción de novos parques eólicos e a produción de renovábeis".
A este respecto, Carril denuncia que son as empresas enerxéticas ás que capitanean esta transición en funcións dos seus intereses, sen que até o momento se puxeran en marcha políticas públicas que senten as bases dun novo modelo, que garantan a enerxía como un ben social e permitan que a riqueza que se xera no noso país reverta no mantemento do tecido produtivo e do emprego, e no desenvolvemento económico e social da nosa terra.