Traballadores/as de Naturgy manifestaranse en Compostela contra o peche do COR da Coruña
Un grupo de traballadores do centro de operacións de rede de Naturgy na Coruña iniciaron este luns unha marcha a pé até Compostela a onde chegarán o próximo mércores, 7 de abril, para participar na manifestación que o comité ten convocada en rexeitamento á decisión da eléctrica de pechar as instalacións para trasladar a actividade e os empregos fóra de Galiza.
A marcha, que arrancou sobre as 10h deste luns das portas da sede de Naturgy na cidade herculina, enmárcase no calendario de mobilizacións que os traballadores e traballadoras veñen desenvolvendo dende a que a empresa comunicou a decisión de pechar o COR, deslocalizar a actividade e trasladar o persoal a Madrid.
O delegado da CIG, Félix Hernanz, sinala que o persoal descoñece que fará Naturgy a partir do vindeiro venres, data na que remata o prazo para que os traballadores se adscriban de maneira voluntaria a oferta de traslado, tendo en conta que o comité non asinou o acordo proposto pola empresa "porque nin recollía melloras económicas para o persoal que teña que desprazarse, nin Naturgy quixo asinar un compromiso de garantías de retorno".
Apunta que a última proposta da eléctrica, tras catro desvinculacións, constitiu en ofertar doce prazas en total en Galiza -ligadas a unha serie de criterios de valoración-, mentres que 14 compañeiros/as serán trasladados a Madrid.
Neste senso, denuncia que a empresa "non convocou de maneira oficial ao comité, todo o que nos presentou foi de forma oficiosa, pensando que iamos asumir calquera acordo que nos propuxera. Como non foi así, rompeu a mesa de diálogo unilateralmente e non sabemos que vai pasar a partir do luns da próxima semana e se comezará a enviar xa as cartas para os traslados".
Hernanz critica tamén o deixamento da Xunta de Galiza neste conflito "pois parece máis preocupada porque cheguemos a un acordo con Naturgy que por evitar o peche do centro de operacións de rede". Incluso na xuntanza que mantiveron esta mesma tarde coa directora xeral de Planificación Enerxética, "Uría díxonos que compartía a nosa postura pero deixou toda a responsabilidade da decisión nas mans da empresa".
Precisamente, a manifestación que o persoal realizará este mércores en Compostela coincide coa reunión da comisión parlamentar de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo na que se abordarán as preguntas do BNG a respecto das actuacións que vai levar a cabo a Xunta de Galiza para frear a deslocalización dos servizos das empresas eléctricas en xeral, e en particular dos servizos de Naturgy na Coruña.
A decisión afonda no desmantelamento industrial de Galiza
A decisión de Naturgy afonda no desmantelamento industrial e na destrución de emprego cualificado e de calidade en Galiza e chega ademais en pleno proceso de transición enerxética sen que haxa políticas públicas que senten as bases dun novo modelo, que garantan a enerxía como un ben social e permitan que a riqueza que se xera no noso país reverta no mantemento do tecido produtivo e do emprego, e no desenvolvemento económico e social da nosa terra.
Pero ademais, o peche do COR pon en risco a seguridade e a garantía do subministro, tendo en conta a posición prioritaria desta compañía no mercado eléctrico galego, tanto na produción como na distribución.
Diante disto, a CIG denuncia a pasividade coa que a Xunta asiste a este proceso (ao que hai sumar o peche do centro de operacións de Conca de Iberdrola na Rúa) e reclama ao Goberno de Feixoo que actúe de inmediato para impedir estas decisións empresariais que agravan a enorme crise industrial que atravesa Galiza, supoñen destruír emprego cualificado e de calidade, e inciden na falta de mantemento e inversión da rede eléctrica, empeorando polo tanto o servizo e a atención que se presta.