O persoal de mantemento esixe a Navantia unha nova licitación do contrato que respecte os dereitos laborais
Traballadores/as da UTE Tecman-Rayma (que realizan o mantemento de Navantia) secundaron esta venres un paro laboral de sete horas e fixeron un reparto de follas informativas entre o persoal do estaleiro, coincidindo coa quenda de entrada, para explicar o ataque aos dereitos que supón o novo prego de condicións publicado pola empresa pública, xa que divide o contrato en varios lotes e limita o número de paquetes aos que pode optar un mesmo licitador.
Ademais, o persoal celebrou unha asemblea no estaleiro de Ferrol, diante das oficinas da dirección, con participaron de traballadores/as das auxiliares e da principal para tratar as consecuencias desta licitación e pedir apoio de todos os compañeiros e compañeiras á súa reivindicación. O próximo luns, día 18, o persoal da UTE ten convocado outro paro de catro horas.
Desfacer un cadro de persoal moi combativo
A decisión de Navantia de fraccionar o contrato pondo limitacións é que, malia ter recoñecido o dereito á subrogación no convenio de siderometal da Coruña, o cadro de persoal da UTE Tecman-Rayma que fai estes traballos non poderá seguir na mesma empresa nin pasar en bloque a formar parte de outra. "No mellor dos casos, explican, teriamos que espallarnos en varias empresas, rachando así un cadro de persoal e desfacendo un comité que sempre se caracterizou pola súa combatividade á hora de defender os nosos dereitos".
Dende o comité da UTE chaman á atención sobre o feito de que a limitación no acceso aos lotes é unha novidade con respecto aos contratos anteriores, que ademais non se dá noutros centros de Navantia, onde si se adxudica a unha única UTE o servizo de mantemento de varios centros.
Negociar un novo contrato con participación do comité da UTE
Fronte a este ataque de Navantia, que fomenta a subcontratación "e só busca restar capacidade de resposta e organización do persoal das auxiliares", os traballadores e traballadoras da UTE esixen a retirada do actual prego e a negociación dun novo "no que, a fin de garantir os nosos dereitos, participe o noso comité de empresa".
A este respecto, o secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, salienta que o persoal da UTE ten o compromiso do comité de Navantia de non permitir que se leve adiante a licitación nas condicións actuais e fai un chamamento ao conxunto dos traballadores/as da principal e das auxiliares a apoiar esta xusta reivindicación.