Traballadores/as de Ilunion volven mobilizarse na ONCE en Vigo para esixir unhas condicións laborais dignas
Empregados/as de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, desenvolveron hoxe unha mobilizacións para rexeitar a precariedade e a explotación laboral que padecen nas compañías da automoción viguesa para as que traballan e para reclamar que se lles aplique o convenio do sector no que prestan servizo.
Nesta ocasión volveron concentrarse diante da sede da ONCE na Gran Vía, onde despregaron unha faixa e berraron consignas denunciando os altos ritmos de traballo aos que están sometidos/as nas compañías da automoción para as que traballan, así como a falta de formación obrigatoria, algo especialmente grave ao tratarse de persoas con capacidades especiais.
Dende a federación de Industria explican que os 620 traballadores/as de Ilunion, que prestan servizo en empresas como Stellantis, Benteler, Lear e Denso, padecen unhas elevadas condicións de precariedade -ingresan o salario mínimo interprofesional- e uns altos ritmos de traballo. Ademais, non reciben a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas.
Asembleas e convocatoria de folga
Para rematar con esta situación de precariedade e de explotación laboral os afectados/as reclaman que se lles aplique o convenio colectivo do sector no que prestan servizo, reivindicación que a CIG-Industria -que conta con 10 dos 17 delegados/as do comité de empresa- considera tamén fundamental para poñerlle freo aos abusos que padecen estes/as empregados/as.
Precisamente para abordar a problemática que padece o persoal de Ilunion a CIG vén de anunciar a celebración de dúas asembleas o vindeiro martes día 15 no local do sindicato na cidade ás 10:30 e as 17:00 horas. Neses encontros decidirase a posibilidade de promover unha convocatoria de folga.