Traballadores/as de Ilunion claman en Ourense pola readmisión de sete compañeiros/as
Un grupo de traballadores/as do centro especial de emprego Ilunion Servicios Industriales e delegados/as da CIG-Industria de Ourense mobilizáronse hoxe para reclamar a readmisión dos sete compañeiros/as despedidos/as cando se atopaban de baixa.
A concentración, na que participaron empregados/as de Ilunion de Vigo, tivo lugar diante da sede ourensá da ONCE de 10:00 a 11:00 horas ao berro de “Despedidos readmisión” e “Abuso patronal, resposta sindical” para rexeitar a decisión de Ilunion de rescindirlle o contrato a parte do persoal que desenvolvía o seu labor na empresa de automoción Faurecia.
Segundo explicaron dende a CIG-Industria, nun primeiro momento o centro especial de emprego comunicoulle por carta a 12 persoas a posibilidade de trasladarse a Vigo, unha vez rematado o proxecto de Faurecia. “Pero anunciou que procedería a despedir a sete traballadores/as, sen darlles a posibilidade sequera de traslado, como si fixo con outros/as catro”. Diante disto, os afectados/as intentarán que o xulgado deixe sen efecto tanto as rescisións de contrato como os traslados anunciados.
Para a central sindical a actitude da empresa fai sospeitar que detrás desta decisión se agoche a intención de pechar a delegación de Ilunion en Ourense, que na actualidade conta con 47 traballadores/as e que ten un ERTE en vigor até final de ano. “Como a empresa funciona como unha ETT que cede persoal ás compañías da automoción non precisa máis instalacións que unha oficina, e ese labor pódese facer dende Vigo, moito nos tememos que teña os días contados”.