Traballadores/as de Hormigones Carral mobilízanse contra o acoso laboral e a represión sindical
A CIG denuncia o acoso laboral e a represión sindical á que están sendo sometidos os traballadores e traballadoras da empresa Hormigones Carral polo simple feito de reclamar que se respecten os seus dereitos laborais e por promover a celebración de eleccións sindicais no centro de traballo de Sigüeiro. Para visibilizar as súas demandas, na tarde deste xoves, 16 de marzo, o persoal realizou unha primeira concentración en Sigüeiro, na rotonda que une a avda. Compostela coa avda. Álvaro Cunqueiro.
A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) de Compostela denuncia que nesta empresa os incumprimentos laborais son múltiples e cotiás: trabállase unha media de 10 horas diarias, só se pagan as horas extraordinarias a partires da novena hora (a sete euros sen cotizar), o persoal só goza, como máximo, de 15 días de vacacións ao ano, non se respecta o calendario laboral, trabállanse sábados, domingos e festivos de convenio, e os traballadores/as teñen que estar a disposición da compañía en todo momento.
Diante destes abusos, o pasado mes de novembro, os traballadores/as promoveron as eleccións sindicais a través da CIG. Pero o que debería desenvolverse como un proceso normalizado dentro das relacións laborais, foi contestado pola empresa con ameazas de traslados a outras plantas de formigón que ten en Galiza e con ameazas de pechar o centro de Sigüeiro.
Neste senso, a FCM-CIG subliña que o único que demanda o persoal é que se respecten o seus dereitos laborais, traballar 40 horas semanais, gozar das vacacións legalmente estabelecidas e dos festivos de convenio, etc.
Mais en vez de atender as lexítimas reivindicacións sociais, a empresa afondou na súa actitude represiva comunicando o traslado a tres traballadores, dous deles á planta do Porriño, imposibilitándolles así a conciliación da vida laboral e familiar, "ademais de causarlle un grave prexuízo psicolóxico e económico". Para a FCM-CIG esta actitude é unha clara represalia cara ao persoal que se atreveu a promover as eleccións sindicais e a exixir os seus dereitos laborais e constitúe unha vulneración do seu dereito fundamental de liberdade sindical.
Estas actuacións patronais xa foron denunciadas en vía xudicial e están sendo contestadas tamén a través da mobilización para dar a coñecer publicamente o carácter represivo desta empresa. A federación de Construción da CIG advirte que non cesará na loita até que os dereitos dos traballadores e traballadoras de Hormigones Carral sexan respectados.