Traballadores/as de GFS Security protestan polo atraso no pago dos salarios e os reiterados incumprimentos
Traballadores e traballadoras de GFS Security Group concentráronse o pasado venres nas instalacións de Gadisa no Polígono de Piadela (Betanzos) en rexeitamento aos atrasos continuados no pago dos salarios, os incumprimentos en materia laboral e as represalias practicadas pola empresa de seguridade privada. A empresa presta servizos de seguridade na provincia da Coruña, Pontevedra e Ourense e que empregan a máis de 130 traballadores/as.
A decisión de levar a proposta a Gadisa (de igual xeito que na semana previa fora en Reganosa e Forestal del Atlántico) débese a que GFS Security Group lle presta os servizos de control de acceso e vixilancia a esta empresa do grupo Tojeiro dende o pasado 1 de outubro, cando colleu os servizos que até entón prestaba Prosetecnisa. Mais dende entón os incumprimentos do convenio son constantes, con atrasos continuados no abono das nóminas e tendo aínda pendente de pagar as liquidacións da anterior empresa, das que subsidiariamente se ten que facer cargo.
Pero ademais, GFS aplica unha política de represión que derivou na suspensión de emprego e soldo a dous traballadores de Reganosa e o despedimento doutro compañeiro, que ademais é delegado de persoal pola CIG. Por estes feitos, a empresa xa foi sancionada pola Inspección de Traballo pola comisión dunha infracción moi grave, por vulnerar a dignidade das persoas traballadoras ao impedir o dereito á ocupación efectiva dos seus postos de traballo e sen informarlles (oito meses despois) dos motivos ou incumprimentos que provocaron tal decisión empresarial.
"O propio delegado rexional de GFS en Galicia, Jaime Villares Díaz, confirmou ante a Inspección que a empresa non estaría a investigar a ningún destes traballadores, nin se abriron expedientes disciplinarios e tampouco soubo dicir o motivo das suspensións de emprego", salienta Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol.
De feito, un destes traballadores afectados acaba de recibir un comunicado de GFS "no que se lle ordena o cambio de centro de traballo sen alegar motivación algunha, só que así o pediu a directora de seguridade de Reganosa (quen tampouco informou de ningún incumprimento ou sanción por parte deste traballador)".
Este cambio inxustificado suponlle ademais ao compañeiro unha redución do 15% do salario mensual ao deixar de percibir os complementos específicos por desenvolver o seu traballo na regasificadora, onde está destinado dende hai 19 anos "sen recibir en todo este período nin unha soa queixa do cliente nin das diferentes compañías de seguridade nas que prestou servizo".
GFS acumula outras resolucións da ITSS por múltiples deficiencias no cumprimento do convenio colectivo: non comunicar á RLPT as sancións por faltas moi graves (incluído o despedimento do membro do comité CIG), non acreditar a subscrición da póliza de seguro colectivo por morte e incapacidade de acordo ás características especificadas no convenio, deficiencias na entrega de uniformidade e EPI ou a reconfección do documento que a empresa utiliza para os cambios de quenda entre compañeiros/as para axustalo ao disposto no convenio.
A acumulación de despropósitos desta empresa pirata non remata aquí: ten ordes de embargo contra as súas propiedades polas débedas contraídas principalmente coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria; a Fiscalía de Ferrol ten abertas dilixencias de investigación por presunta falsificación documental; e varios xulgados e administracións están investigando diferentes feitos delituosos cometidos por administradores, apoderados e delegados rexionais das empresas Prosetecnisa e GFS Security, en relación cos delitos de falsificación documental, estafa agravada, administración desleal, apropiación indebida, fraude á Seguridade Social e delito fiscal contra a Facenda Pública.
Por todo isto, a CIG-Servizos apela á responsabilidade das empresas clientes que, malia seren coñecedoras dos reiterados incumprimentos laborais, das represións, dos problemas de liquidez e das investigacións das que é obxecto, non só manteñen e renovar os contratos cunha empresa como GFS que non cumpría ningunha normativa esixíbel.