Traballadores/as de Ganomagoga mobilízanse para reclamar o pago dos salarios pendentes ao persoal de Logistic
Traballadores/as do Grupo Ganomagoga mobilizáronse hoxe en Vigo xunto ao persoal de Ganomagoga Logistic, unha das catro empresas do Grupo, para reclamar o pago dos salarios pendentes. A concentración desenvolveuse diante das oficinas de Alfa Cargo, consignataria que mantén unha débeda de 75.000 euros coa compañía do Grupo Ganomagoga, para solicitarlle que abone cando menos a metade desa cantidade para poder ingresar algo do que se lles adebeda tras tres meses sen cobrar.
Os nove afectados/as decidiron iniciar as protestas ante a delicada situación que atravesan despois de varios meses sen percibir ningún salario, e optaron por facelo diante de Alfa Cargo xa que é a única fonte de ingresos que pode ter Ganomagoga Logistic, que se atopa en concurso de acredores e á espera de que os traballadores/as se poidan acoller a un ERTE.
Segundo explican dende a CIG, cada unha das empresas do Grupo -as catro están en concurso de acredores- ten que recadar o diñeiro necesario para pagarlle aos respectivos cadros de persoal, algo que xa fixeron as outras tres. “O administrador concursal púxose en contacto con Alfa Cargo para que satisfaga aínda que sexa parte da débeda que mantén con Logistic para que os empregados/as poidan cobrar, pero até o de agora non pagaron nada”, denuncian.
Tres meses sen cobrar
De xeito que xa son tres meses sen percibir ningún tipo de ingreso, polo que os traballadores/as se atopan “asfixiados/as”. Diante disto optaron por convocar mobilizacións, e esta mañá desenvolveron unha concentración de 10:30 a 12:00 horas diante das oficinas de Alfa Cargo en Vigo, empresa que posúe tamén instalacións e oficinas na zona portuaria de Bouzas.
Na protesta, durante a que se despregou unha faixa e se berraron consignas denunciando a situación e reclamando o pago da débeda, participaron tamén empregados/as das distintas compañías do Grupo Ganomagoga en solidariedade cos seus compañeiros/as.