Traballadores/as de Forestal del Atlántico mobilízanse para esixir a readmisión dun compañeiro
Traballadores e traballadoras de Forestal del Atlántico mobilizáronse este luns diante das instalacións da empresa para esixir a readmisión dun compañeiro despedido. A representación social entende que este despedimento é unha medida exemplarizante cara ao resto do persoal, xa que se produce logo dunha serie de denuncias en materia de prevención e saúde laboral.
Coa protesta, que se desenvolveu entre ás 13 e ás 15 horas diante das instalacións que Forestal del Atlántico ten en Mugardos, o persoal quere manifestar o rexeitamento ao despedimento do traballador e esixir a súa inmediata reincorporación. Dende a CIG-Industria de Ferrol subliñan que, aínda que a empresa alega causas obxectivas, a decisión chega xusto despois de que a asemblea de persoal acordara iniciar medidas ante a situación que se está a padecer nos postos de traballo en materia de protección e saúde laboral.
Ademais desta demanda, os/as traballadores/as acordaron tamén esixir melloras de carácter económico.
Na procura dunha solución, a representación sindical mantivo esta mesma mañá, antes da concentración, unha xuntanza coa dirección da empresa para esixir a readmisión do traballador e abordar todas as cuestións acordadas na asemblea do persoal. Porén, a empresa nin sequera quixo entrar a valorar a reincorporación do traballador.