Traballadores/as de Ferroatlántica concéntranse na fábrica de Cee contra a venda das centrais hidroeléctricas
A representación social lembrou que as actividades enerxética e de ferroaleacións constitúen unha unidade produtiva que non pode ser segregada, e cuxa vinculación está obrigada pola Xunta de Galiza e ratificada en sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e do Tribunal Supremo. Por iso, esixiron do Presidente da Xunta "a ratificación dos compromisos creados e o respecto á legalidade vixente. Pois este é o único camiño para evitar que se xeren novas incertezas sobre os empregos e o futuro das fábricas e para que se deixe de especular coas nosas centrais hidroeléctricas, os nosos recursos e a nosa comarca".
Nada máis coñecerse as pretensións do Grupo Villar Mir (propietario das fábricas de Ferroatlántica e titular das concesións de explotación das plantas hidroeléctricas do Ézaro e o Río Grande), a representación do persoal demandou do Presidente de Ferroatlántica que se desprace a Cee para dar explicacións sobre este asunto no pleno do comité, xa que a súa intención é abordar a transacción no pleno do comité europeo. Finalmente, a dirección convocou ao Comité a unha xuntanza en Madrid para o vindeiro xoves, día 27.
Con esta data á vista, a representación social urxe o Presidente do Goberno galego para que atenda a petición de reunión. Neste sentido entenden que se debe crear un marco estable de discusión no que Xunta, empresa e representación legal "concreten a non posibilidade de segregación das actividades produtivas e polo tanto a venda das centrais da nosa comarca".
Máis de 250 persoas na concentración
A reunión entre o Comité e as centrais sindicais tivo lugar na mañá deste venres, previamente á concentración ás portas dá fábrica de Brens (Cee) na que participaron máis de 250 persoas, entre traballadores/as, persoal prexubilado da empresa e veciños e veciñas que quixeron amosar o seu rexeitamento ás venda das plantas de produción eléctrica.
Durante a protesta, o Comité informou que se mantén o calendario de accións previstas. Deste xeito, o vindeiro venres, 28 de outubro, está convocada unha asemblea de traballadores e traballadoras na que se dará conta das reunións mantidas cos alcaldes dos concellos de Cee e Dumbría, se informará do contido da xuntanza co Presidente de Ferroatlántica en Madrid, e do encontro co Presidente da Xunta, no caso de recibir á representación sindical.
Subliñaron tamén que, "de non atender o Presidente do Goberno galego a nosa solicitude, está previsto convocar unha concentración diante da Xunta o próximo martes, día 25, para reiterar a nosa petición".