Persoal de Celso Míguez leva até A Coruña as protestas polo cobro dos salarios e un plan de viabilidade
Traballadores e traballadoras de Celso Míguez trasladaron este mércores as protestas para esixir o cobro dos salarios e un plan de viabilidade até as instalacións da empresa na cidade da Coruña: primeiro diante da tenda que a compañía ten na céntrica Avda. Alcalde Pérez Ardá e a seguir ás portas da nave situada no Polígono de Pocomaco.
Estas protestas enmárcanse no calendario de mobilizacións e folgas que os traballadores e as traballadoras veñen desenvolvendo dende hai dous meses en demanda do cobro das débedas salariais (a empresa ten pendente de abonarlles as catro últimas nóminas e as pagas extraordinarias de Nadal e xullo) e ao tempo, para demandar un plan de viabilidade que garanta a continuidade dos empregos e da actividade.
A empresa négase a abordar ningunha solución
Celso Míguez é unha empresa dedicada á comercialización de pinturas con sede en Pontevedra e con 16 centros de traballo por toda Galiza, que conta con arredor de 90 empregados/as. Cecilia Tarela, da CIG-Servizos de Pontevedra, explica que os problemas co pago das nóminas comezaron hai máis de un ano, pero a dirección négase a manter unha xuntanza co comité para abordar un calendario de pagos e aclarar a situación da compañía. "Levámoslle pedindo un plan de viabilidade dende decembro, pero a día de hoxe non nos presentou nada e incluso se nega a recibir o comité mentres haxa folgas convocadas", sinala Tarela.
Dende a CIG-Servizos explican que, ademais, a empresa non se presentou á mediación do SMAC celebrada o pasado día 11 a raíz da denuncia reclamando a rescisión de contratos por impago de nóminas dos 17 traballadores/as que asesora a CIG (13 en Pontevedra, 2 en Vigo e 2 en Lugo), polo que agora a demanda continuará en vía xudicial.
Neste senso, Cecilia Tarela denuncia que a empresa non quere dar ningunha solución os traballadores e traballadoras, malia as consecuencias económicas que supón para o persoal estar tantos meses sen cobrar, e nin sequera aceptou entrar a valorar a posibilidade de solicitar o concurso.
"O que pretende a empresa é cansar a xente para que se marche voluntariamente. Mesmo comezou unha manobra de cambio do persoal a outras empresas do grupo sen pagarlle nada. Xa nin sequera se cobran as baixas, tivémoslle que reclamar o pago directamente a mutua", subliña.
Así as cousas, o comité volverá solicitarlle unha reunión á dirección e abordará nos vindeiros días un novo calendario de mobilizacións se non se efectiviza o pago das nóminas e se avanza nunha solución.