Traballadores/as de Celsa Atlantic mobilízanse en defensa do futuro industrial e o emprego
Traballadores de Celsa Atlantic concentráronse este venres diante da oficina que a entidade Deutsche Bank ten na Coruña para manifestar a profunda preocupación ante a grave situación que atreva a factoría da Laracha pola falta de financiamento, nun momento no que o desacordo cos fondos de acredores para reestruturar a débeda da empresa pon en risco a vía do financiamento público.
O comité lamenta a falta de información previa sobre todo o proceso relativo ás axudas solicitadas á SEPI, tanto por parte da dirección do Grupo Celsa como por parte da propia Sociedade Estatal, malia que a representación do persoal solicitou en múltiples ocasións manter reunións para que se lles trasladara información ao respecto, dada a gran transcendencia para a continuidade dos postos de traballo.
A protesta deste venres desenvolveuse de xeito paralelo na Coruña, Bilbo, Barcelona e Cantabria xa que todas as fábricas do grupo corren os mesmos riscos. Neste senso, o comité subliña que "os cadros de persoal das diferentes empresas e fábricas que integramos o Grupo Celsa Atlantic apostamos por un modelo industrial sostíbel e unha xestión empresarial que procure, entre outras medidas, atopar un financiamento máis estábel, sen sobresaltos cara ao futuro".
Neste liña, a representación social rexeita que os traballadores e as traballadoras sexan as vítimas das manobras especulativas dos acredores e dos fondos que están a bloquear unha saída a esta situación, "no seu único obxectivo de obter máximo rendemento a risco do noso futuro laboral e industrial".
Por este motivo, emprazan a todas as partes (Grupo Celsa Atlantic, SEPI e representación sindical) "co fin de acadar solución que permitan que os acredores non poñan en risco a viabilidade do grupo industrial".
De igual xeito, o comité solicita con urxencia á SEPI e aos acredores "unha solución que permita a viabilidade do Grupo Celsa apelando á desfeita laboral e industrial que está en xogo de non atopar unha saída que garantan o desenvolvemento industrial do grupo e o mantemento de todos os postos de traballo".